Collémoslle emprestado a M. Leiras Pulpeiro este verso dun seu poema dedicado a Pascual Veiga para titular o relato dos anos mozos do gran músico mindoniense des que nace en 1842 ata que se traslada á Coruña en 1864.
Pascual Manuel Francisco Veiga Iglesias naceu na entón chamada rúa dos Templarios de Mondoñedo (hoxe nº 11 da rúa Pascual Veiga) o 9 de abril de 1842. Unha placa colocada en 1912 na fachada da casa natal lembra o suceso. Era fillo de Manuel María da Veiga e de Josefa Iglesias.
A rúa, daquela chamada dos Templarios por supoñerse que nela tiveron asento en tempos recuados os frades guerreiros desta orde, vai desde a praza da Catedral á do Seminario polo lado norte do edificio catedralicio.
En novembro de1852, con pouco máis de dez anos, ingresa, proposto polo mestre de capela, José Pacheco, como neno de coro na capela de música da catedral, institución da que formaba parte desde 1845 o seu irmán Manuel María Veiga.
En 1856 comeza clases de órgano baixo a dirección do organista, Rafael Tafall Abad (1835-1903), fillo e irmán dos tamén músicos, Mariano e Santiago Tafall. Pascual percibe dous reais e medio de paga diaria como neno de coro e practica nun manucordio cedido pola fábrica da catedral como futuro organista.
En 1860 Tafall oposita e consigue a praza de organista da catedral de Santiago polo que abandona Mondoñedo. Axiña se convoca aos posibles interesados en cubrir a praza vacante que acaba ocupando Gabriel Baltierra por un periodo breve pois axiña se traslada a Tui. Mentres, Pascual Veiga solicita axuda económica para “librarse de soldado” e o Cabido concédelle 2000 reás, obxectivo que consegue intercambiando (pagando, naturalmente) o número que lle correspondera na quinta cun tal Ambrosio Prieto.
En febreiro de 1862 convócanse de novo probas para designar organista da catedral. Preséntanse, entre outros, Xoán Montes, que aínda non cumprira os 22, e Veiga que non chegaba aos 20, sabedores de que a idade mínima para ser adimitidos na proba era ter cumpridos os 23 anos. Porén, tras as consultas pertinentes, resólvese admitilos para realizar a oposición como meritorios. Os outros aspirantes foron Nicolás Coronas, de 23 anos, e Inocente Perdigón, de 24. Montes non se presenta aos exercicios que teñen lugar entre os días 18 e 21 de febreiro de 1862. Os tres aspirantes son avaliados positivimante, Veiga “desempeñó bastante bien” pero o posto foi para Coronas.
Segundo algúns biógrafos foi nestes anos da adolescencia cando realizou a súa primeira obra como compositor, un Septenario á Virxe das Dores para tres voces e oquestra.
Na primavera de 1863 súbenlle a soldada como neno de coro, pasa a cobrar 4 reais diarios, coa obriga de tocar o órgano nas ausencias ou enfermidades do organista titular.
En agosto de 1863 pide días de libranza para presentarse ao posto de organista na Colexiata de Covadonga, probas que supera pero sen obter a desexada praza.
Eduardo Lence-Santar, primeiro cronista oficial de Mondoñedo e biógrafo de Veiga, deixou escrito no xornal El Progreso (3 de xuño de 1956) que Veiga mantivo nesta altura unha relación sentimental con Eustorgia Acebo, amores truncados pola oposición da familia da moza e que, amais doutras posibles frustracións profesionais, puido ser o que determinase a Veiga a abandonar Mondoñedo para sempre.
Fosen ou non estes os motivos, en xaneiro de 1864, Veiga, en instancia dirixida ao Cabido, solicita o permiso correspondente para trasladarse á Coruña para exercer como organista da Real Colexiata Santa María do Campo cun salario de 10 reais diarios.
O organista da catedral de Mondoñedo, Nicolás Coronas, comezou a ter un comportamento irregular e ata resultou preso por orde do bispo Ponciano Arciniaga en 1864. Falecería en Huesca en 1870.
En 1865 prodúcese o pasamento do mestre de capela e mentor de Veiga, José Pacheco, ano no que Pascual casa na Coruña con Clotilde Valenzano García.
Nunca saberemos se Veiga acabaría, cun pouco de tempero ou outra sorte nos amores, por ter en Mondoñedo as oportunidades que desde entón procurou con notable éxito profesional e escaso rédito pecuniario na Coruña e en Madrid.
Mondoñedo, 9 de abril de 2020
© Antonio Reigosa