Mondoñedo na Memoria 1920: Marzo

Enriqueta Álvarez Gallego (Vida Gallega 1920)

No nº 142 de Vida Gallega aparece a foto de Enriqueta Álvarez Gallego en “posse bucólica”. Era filla de Xerardo Álvarez Limeses, sobriña-neta do entón notario de Mondoñedo e irmán do seu avó, Xerardo Álvarez Giménez, irmá de Xerardo e de Amalia (esposa máis adiante de Alexandre Bóveda), Casou en 1926 con Justo López Blanco, fillo do secretario xudicial de Mondoñedo, Andrés López Martín. A razón de estaren por Mondoñedo tanto ela como o seu irmán, Xerardo, supoñemos ten que ver coa residencia do tío-avó, o notario, na cidade.

Na sesión do Congreso do día 11, o deputado por Mondoñedo, o ciervista Felipe Lazcano, pide que se active o expediente de abastecemento de augas potables a Mondoñedo.

A asociación de mestres nacionais do partido de Mondoñedo pide aos representantes no Congreso a equiparación de salarios co resto de funcionarios. Na Gaceta (equivalente ao BOE actual) do 21 de marzo anunciase a solicitude de creación de escolas para Estelo e Zoñán, e búscase novo local para a de Cesuras por non reunir as condicións a casa que se está utilizando.

Falece o xefe da estafeta de Correos, Andrés de las Heras Zancudo.

Tras uns días primaverais, o 7 e 8 de marzo fixo visita de cortesía a neve nos cumios do Padornelo e da Pena da Roca.

Enrique Batán, residente en Mondoñedo naquela altura, publica na revista Aurora nº 14 un poema titulado “Ind’o demo c’unhas pallas” (E. Batán_Indo demo cunhas pallas…). Sobre este enigmático personaxe teremos que comentar con máis extensión e calma nunha futura ocasión.


Serie: ‘Mondoñedo na Memoria 1920′ (Xaneiro) ( Febreiro) (Marzo) (Abril) (Maio) (Xuño) (Xullo) (Agosto) (Setembro) (Outubro) (Novembro) (Decembro).