Sobre Tàpies: entre Cunqueiro e Patiño

O escritor Álvaro Cunqueiro (1911-1981) e o artista, entón mozo, Raimundo Patiño (1936-1985), protagonizaron unha polémica arredor da obra do artista catalán Antoni Tàpies (1913-2012), unha discusión pública que se desenvolveu con réplicas e contrarréplicas no xornal La Noche hai 60 anos.

Todo comezou cunhas declaracións de Cunqueiro publicadas o 24 de febreiro en Faro de Vigo nas que, logo de visitar a principios daquel mes unha exposición de Tàpies na Sala Gaspar de Barcelona, declarou que a obra exposta lle parecera “lamentable y monstruosoa”.

Patiño, en artigo publicado en La Noche o 3 de marzo baixo o título “Desagravio gallego a Antoni Tàpies”, rebate a Cunqueiro resaltando a, no seu parecer, enorme calidade da obra do catalán, considérao pioneiro da Arte Otro corrente na que inclúe ao lugués González Doreste e de “humanista do Informismo”, descubridor de harmonías concisas e serenas, que crea e ofrece respostas estéticas desde o presente.

Confrontábanse así publicamente dous conceptos da arte e da súa función social claramente antitéticos. Axiña manda aviso Cunqueiro a través de Borobó para anunciar que responderá cunhas “poucas liñas, que o caso nono merez”.

Faino cunha nota en La Noche o día 12 de marzo. Ao dito anteriormente engade máis consideracións pero aínda máis negativas sobre a obra de Tàpies. Pon en cuestión que o que fai poda chamarse pintura, que a terceira parte do que viu afirma eran “cristales recubiertos con papel de envolver” e que o resto “se descomponía en trozos de tabique más o menos encalados y en conjuntos de maderos mal ensamblados, pintados a brocha gorda con azul prusia o gris perla”.

Raimundo Patiño (1992). Fotografía: afundacion.org

As consideracións negativas de Cunqueiro sobre a obra de Tàpies continúan pero tampouco desperdicia a ocasión para rogarlle a Patiño que non diga del que é un “estilista”, signifique o que signifique a tal palabra.

Tardou bastante en publicarse a réplica de Patiño que non apareceu no mesmo medio ata o 4 de maio, nun artigo titulado “Nueva nota sobre el tema Tàpies”, aínda que asinado o 24 de marzo de 1960.

Despois dunha serie de pareceres sobre os erros que, ao seu xuízo, cometían os literatos abusando ou recreándose en imaxes e metáforas ao falar de pintura e de conceptos artísticos doutra época, conclúe Patiño “Y aquí termino lo que ya no debiera haber comenzado, a nuevas diatribas cualesquiera el carácter que tengan, sobre Tàpies, haré de mis oídos tapias”.

Raimundo Patiño, falecido prematuramente no verán de 1985, expuxo no Círculo de las Artes de Lugo a principios de 1983. Na ocasión, ao coincidir co 25 aniversario da fundación do grupo Brais Pinto en Madrid, do que el fora promotor, e co 50 aniversario do Museo Provincial reuníronse na cidade outros integrantes do Brais Pinto como Ramón Lourenzo, Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Fernández Ferreiro, Bautista Álvarez, Herminio Barreiro e César Arias.

Tàpies, a excusa da polémica entre Cunqueiro e Patiño, é hoxe recoñecido como figura dun informalismo que un dos polemistas non entendía e o outro ensalzaba con indisumulado entusiasmo.