No Mondoñedo de hai cen anos pasaban cousas, algunhas como que os técnicos do Ministerio de Fomento aprobasen por enésima vez e inutilmente o trazado para o ferrocarril Ribadeo-Mondoñedo que nunca se chegou a construír.
Neste ano comeza e remata a súa breve e convulsa andaina o semanario Don Fino, anunciase a aparición de El Pueblo pero o que comeza a publicarse en xullo é Justicia.
Cambio na alcaldía. Por Real Orde reponse no posto ao médico José Mª Álvarez Mon, quen fora cesado nos últimos meses de 1920, por José R. Villamarín. Poucos días despois crea alarma un intento de atentado contra o reposto alcalde. Apareceron no retrete —situado nunha das galerías da súa residencia — seis cartuchos de dinamita coas mechas prendidas. Non chegaron a estoupar. Houbo varios detidos, entre eles “elementos agrarios”. A Federación Mindoniense de Sindicatos Católicos publica unha nota exculpatoria.
En febreiro falece César González-Seco Romero, avogado, deputado provincial, impresor, director e propietario do xornal Mondoñedo, dono dunha fábrica de chocolates e pai de sete criaturas, entre elas, Elvira, a futura esposa de Álvaro Cunqueiro.
En xuño grave accidente do coche-correo en Arroxo con varios feridos de diversa gravidade. En xullo caeu sobre Mondoñedo unha gran tormenta e os acusados de roubar e matar en xullo de 1920 ao veciño de Lindín, Antonio Díaz Luaces, foron declarados culpables
As San Lucas, en atención á guerra de Marrocos, resultaron pouco lucidas, especialmente no número de tratos, quizais porque se impediu a asistencia dos xitanos, principais animadores do trato. Ademais xusto naqueles días as fontes case non botan pinga por mor da seca e os obreiros que traballan nas obras da travesía decláranse en folga. Cobran pouco.
Con motivo da inauguración do mausoleo de M. Leiras Pulpeiro, doado polos mindonienses residentes na Arxentina con Fernando Lorenzo Rico como principal promotor e comisionado polo Centro Gallego de Bos Aires, celébrase un acto de homenaxe ao ilustre médico e poeta o día 30 de outubro. No cemiterio inaugurouse o moumento, cunha columna truncada na cabeceira, e na posterior velada no Casino participaron F. Lorenzo Rico, A. Villar Ponte, U. Carré Aldao, V. Risco, E. Rodríguez, L. Peña Novo, o alcalde Mon e o Orfeón Veiga. En decembro falece o comerciante Antonio Cavanas Castrillón, presidente de varias sociedades locais, entre elas Eléctrica Mindoniense.
Un debate que tomou corpo naquel 1921 foi o dos seguros obrigatorios que se implantan en xullo deste ano e que permitirían atender pensións por cese da actividade laboral ou outras causas ao abeiro da lei do 11 de marzo de 1919. Como exemplo, cítase o caso de María Padín Fernández, a Ceguiña do Campo, unha muller cos 120 anos cumpridos, aínda que algúns medios aseguran que chega aos 126.
Nacera en Ferrol, residía en Mondoñedo, e como pensionista de Acción Social recibía unha peseta diaria. Foi homenaxeada por ser a afiliada máis antiga do Instituto Nacional de Previsión e a súa fotografía apareceu en varios xornais. Faleceu en novembro deste ano.