Bernardino Vidarte

O 16 de abril deste 2021 cumpríronse 40 anos do pasamento en Mondoñedo de Bernardino Vidarte Rivas, acontecido apenas mes e medio despois do falecemento do seu amigo, Álvaro Cunqueiro. Nacera en Bos Aires, fillo de emigrantes, o 18 de setembro de 1910. Con sete anos instálase en Mondoñedo onde vivirá ata a súa morte.

Ilustrador, caricaturista de fino e elegante humor, debuxante e profesor da Escola de Artes e Oficios de Mondoñedo foi, xunto con Cunqueiro, A. Iglesia Alvariño e Díaz Jácome, protagonista principal do vangardismo e rexurdir cultural mindoniense da década dos 30 do s. XX.

O que se conserva da súa produción está en mans de familiares e particulares e bo sería que algún día se puidese contemplar a súa obra nalgún espazo público do que, por outra parte, deixou rastro en El Progreso, Faro de Vigo, El Pueblo Gallego, Nós e Céltiga, amais de naquelas obras editadas ou da autoría de Cunqueiro con detalles gráficos maxistrais. A portada de Fala d’as musas de Daniel Pernas Prieto, primeiro libro de poemas en galego publicado tras o golpe de Estado de 1936, é unha excelente proba da súa arte.

Da súa autoría son os carteis dos famosos maios mindonienses de 1934 e caricaturas inesquecibles como a de E. Lence Santar ou a de Cunqueiro e os retratos de Veiga, Leiras e Noriega.

Segundo X. Díaz Jácome gustáballe debuxar os tipos populares que acudían ás San Lucas cada ano e as claves heráldicas dos case cen escudos que penduran das fachadas mindonienses. O lapis limpo e terso de Vidarte —son palabras de Raimundo Aguiar— que sabe ben achar na soltura dos seus trazos o punto fixo e xusto motivo da exacta ilustración.

Cámara de gas (Museo de Pontevedra, Bernardino Vidarte)

Segundo Germán Palacios a casa de Vidarte era un auténtico Ateneo Literario. Arredor dun vaso de viño falábase do que cadrase coa participación de numerosas persoas da vila e arredores; algunhas acabaron retratadas por Cunqueiro con nome e apelidos quen, disque, tamén aproveitaba para “apacentar vocablos” tomando nota de verbas e xiros que logo usaba. Para Cunqueiro este parladoiro foi, xunto coa da barbería do Pallarego e o da rebotica da farmacia do seu pai, outra escola do mundo.

O Museo de Pontevedra conserva e divulga na súa web tres debuxos a plumiña sobre papel —con erros tanto na grafía do segundo apelido como nas datas de nacemento e morte do artista— atribuídos a Vidarte. O título común dos tres, evidencia do asunto do que tratan, “Cámara de gas”.

Vidarte ilustrou a cuberta e contracuberta do De catro a catro de Manuel Antonio (1928), colaborou no nº 1 da revista da F.U.E. (1932), no Frol de diversos con poemas de Rimbaud, Iglesia Alvariño e Cunqueiro (1934), editados os tres pola editora Nós de Casal.

Quizais a obra máis coñecida de Bernardino Vidarte sexa o cartel que pedía o Si para o Estatuto de 1936. O cartaz rezaba “Votar o estatuto é votar porque nos gobernemos con leises galegas. Naide sabe do noso máis que nós”, impreso na Imprenta Popular de Mondoñedo. A imaxe, unha estrela de cinco puntas proxectando os seus raios candentes sobre unha cadea opresora.

©Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 19 de abril de 2021.