O bosque de Silva

O bosque de Silva inventouno Álvaro Cunqueiro de tanto nomealo e contemplalo desde a ventá traseira do faio da hoxe Casa Museo de seu. O bosque de Silva creouno Cunqueiro pero é real, existe desde moito antes de nacer Cunqueiro. Esta masa boscosa próxima á cidade de Mondoñedo débelle o nome a que pertenceu, polo menos ata finais do s. XIX, á familia Silva. Sitúase entre o Río do Sixto e San Caetano, abeirando a estrada que ascende cara a Barbeitas e Maariz. Foi soar de castiñeiros, carballos, bidueiros, pravias, loureiros e de variada arboreda autóctona agora comandada polo omnipresente eucalipto. Tamén é morada de infinidade de paxaros diurnos e nocturnos, e doutras moitas criaturas, berce de imaxinarios alquimistas e gorida de cogomelos e pantasmas.

No bosque de Silva os mozos mindonienses vestían os Maios nos tempos da República e Cunqueiro ía con Santeiro ler os libros que este lle traía de Madrid. Segundo conta no seu blog Andrés García Doural, ademais de Cunqueiro, que o cita e dialoga con el en infinitas ocasións, un dos primeiros en mencionar este bosque nas súas creación literarias foi o crego Daniel Pernas Prieto (Abadín, 1884 – Mondoñedo, 1946), quen, ademais, instruíu en latín á sombra desta foresta a Ricardo Pedreira (Mondoñedo, 1928 – Oviedo, 2013), notable economista e Fillo Predilecto de Mondoñedo.

Aló pola primavera de 1998 Antón Meilán pedía axuda para salvar o que el denominaba sagrado bosque de Silva. Daquela foi asaltado a golpe de motoserra  e por antenas de telefonía. Cunqueiro dixo que alí, na súa modesta brevidade, nacen os outonos e amence o cuco. Xa fora vítima dunha furacanada a finais do s. XIX  e agredido por un incendio que denunciou o cronista X. Díaz Jácome pola década dos 80 do XX. Nos seguintes anos houbo movementos sociais e políticos para que se mercase para uso público, redactáronse manifestos e pedíronse axudas para evitar as agresións que, por outra parte, ao non gozar de protección oficial, eran consecuencia do lexítimo uso e aproveitamento dos propietarios.

Xa en 1965 en “El envés” de Faro de Vigo o propio Álvaro Cunqueiro lamentaba a eutanasia que se lle practicaba. No artigo “En la muerte de un bosque” evoca, como tantas outras veces, ao pintor Claudio de Lorena, trataba o bosque de amigo e compañeiro de ocios. “Pero la hora más hermosa del bosque de Silva llegaba cuando mediaba el otoño y grandes manchas rojas y doradas sustituían al verde en la espesura vegetal”.

Canda o bosque de Silva, que segue sen protección específica, desaparecería o lugar real e simbólico que soñou Cunqueiro. Canda o bosque de Silva desaparecería a parte da memoria que se chama Selva de Esmelle e desaparecerían os outonos e as estacións todas. Sen a melodía canora de merlos, xílgaros e cucos, sen o acompañamento dos ventos tan amados, sen o rumor das lanzas e o compás de chuvias e nevaradas que chegaban ao mundo de Cunqueiro pola porta do bosque de Silva, a tristeza gobernaría toda a nosa existencia e boa parte da mellor literatura galega do s. XX quedaría sen sombra.

©Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 28 de xuño de 2021.