Os Castelos de Viloalle

Edelmiro Bascuas López depositou en outubro de 1998 no Museo Provincial de Lugo materiais procedentes deste xacemento sito a 400 metros de altitude na Serra da Toxiza, parroquia de Viloalle, en Mondoñedo. Segundo consta na correspondente ficha, o depositante di que os materiais foran atopados casualmente por un amigo cazador e el mesmo entre os anos 1967 e 1970. Hai fragmentos de cerámica —bordes e anacos de asas—, algúns decorados, outros de ferro, ósos e dentes, todo pendente de estudo.

Para min este é o enigmático Castelo da Toxiza —nalgunhas cartografías sinálase outro punto non distante pero distinto con este nome— que ao amparo do Decreto de 22 de abril de 1949 para a protección de ‘castillos’ figura entre os bens culturais protexidos, agora BIC baixo a tutela da Xunta de Galicia.

No Boletín Pedagógico de la Institución de Formación del Profesorado de Enseñanza Laboral (1 de xuño de 1957), o profesor do Centro de Ensino Medio e Profesional de Mondoñedo, Francisco Mayán, usa como referencia este xacemento para describir unha metodoloxía de aprendizaxe do pasado con modelo de ficha descritiva, fotos, debuxos e listaxe de achados. Para el trátase dun dolmen ou enterramento e dun menhir que sitúa na Idade do Ferro. Segundo consta na información anexa, os traballos gráficos foron realizados por alumnado do centro escolar, fai mención dun lendario asociado que fala de ouro e encantamentos, e di que os materiais quedan depositados no Museo do Instituto Laboral. En 2001, no marco das Primeiras Xornadas Mindonienses de Arqueoloxía, o profesor e Cronista oficial F. Mayán impartiu unha conferencia sobre este lugar arqueolóxico e realizouse unha visita guiada ao mesmo.

Diario de escavacións

Amais dos materiais e datos citados, o que máis valor achega á documentación existente no MPLugo é unha libreta cunhas notas manuscritas polo propio Mayán quen, a modo de diario, refire o que aconteceu alí no outono de1967.

Comeza contando como xente da casa de Jesualdo Pernas —alumno de Mayán en 1957— descubrira en superficie restos cerámicos e ósos, o que puxeron no seu coñecemento e no de X. Trapero Pardo. Baixo a ameaza de denuncialos á Garda Civil se non lle entregaban todo canto atopasen, Mayán animou a aquela xente a seguir indagando na contorna. En 1967 Jesualdo Pernas contoulle o que estaban atopando a Edelmiro Bascuas, Jesús Lombardía e Ricardo Pena —párroco dos Remedios—, quen conformarán, xunto con Mayán e José Mª Rodríguez, que se uniría despois, o equipo de traballo que ese ano por uns quince días realizaron unha escavación sistemática no lugar.

Dedica unhas páxinas a explicar os criterios e método de escavación, como dividen o terreo en catro cuadrículas, os cribados para detectar restos cativos e a sorprendente abundancia de cantos rodados, cinsas e fragmentos metálicos. O autor conclúe agora que o xacemento, de dubidosa orixe e adscrición cultural e cronolóxica, tivo que ser violado.

En 1998 Edelmiro Bascuas depositou o que conservaba dos Castelos —ignoramos se hai máis restos e en que lugar se poden estar— no MPLugo.

© Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 29 de novembro de 2021.