Historia das orixes

Acaba de publicarse o libro “As orixes de Mondoñedo”, unha edición do concello da autoría do historiador e arqueólogo, Abel Vigo García. O subtítulo especifica que se trata dun percorrido polo que hoxe se sabe da Prehistoria, Idade Antiga e Tardorromanidade das terras de Mondoñedo.

Grazas a esta publicación sabemos que o noso territorio ofrece restos de ocupación humana desde hai máis, quizais bastantes máis, de 10.000 anos ou que J. Vilaamil e Castro foi pioneiro en Galicia nos traballos de escavación científica cando aló polo 1867 fixo algunhas catas no castro de Zoñán e na cova da Furada dos Cas. Tamén aprendemos que grazas ao resultado de intervencións baixo a dirección de, entre outros, F. Mayán ou o propio Abel Vigo en lugares como a Cova do Rei Cintolo, o castro de Zoñán, ou a achados casuais como os que leva ofrecido o castro da Recadieira, contamos cun patrimonio arqueolóxico abondoso. Todo isto permítenos coñecer moitos datos de onde e como vivían os nosos devanceiros, que comían ou a que traballos se dedicaban, que habilidades posuían ou que crenzas ou ritos practicaban. Case todos coñecementos extraídos de debaixo da terra pois a esquiva memoria do pasado precisa da luz do saber que achegan este libro e o seu autor.

Desde aqueles primeiros habitantes que se refuxiaban en covas ou abrigos naturais, os neolíticos que deron forma á arxila, os que moldearon o bronce ou o ferro por primeira vez, os que ocuparon espazos de doada garda como as ducias de castros que hai distribuídos por todo o concello, os que se adornaron con ouro, os que recibiron ao romano e ao suevo e a nova relixión, os que foron paseniño baixando ao val dando forma ao actual espazo urbano nos primeiros séculos medievais, eses que precederon aos construtores da catedral na Vilamaior do século XIII son os tataravós, bisavós, avós, pais e nais de nós mesmos. Todo isto ben contado como se fai nesta obra, seguindo a cronoloxía dos tempos, con descricións detalladas, explicación de técnicas de fabricación e usos amais de fotografías, mapas, documentos, planos, debuxos e cadros esquemáticos.

Nun breve epílogo o autor aínda nos revela outros segredos sobre as necrópoles medievais de San Vicente, Os Castros ou da rúa Pascual Veiga, e sobre restos que nos falan do trazado da muralla construída no século XIV, e aínda doutros que destaparon a memoria das canalizacións de auga na contorna da Fonte Vella ou de edificacións que existiron na capital da antiga provincia.

Unha conclusión non explícita no libro pero evidente é que merece moito a pena dedicar recursos a destapar ese noso pasado oculto. Airealo, divulgalo, conservalo e interpretalo coa mediación de xente experta como A. Vigo, fainos máis sabios e ata, se lle miramos só o lado crematístico, máis atractivos para quen nos visita con sede de saber.

Trátase, en definitiva, dun libro necesario, de amena lectura, con decidida vontade didáctica, moi ben documentado e contextualizado que se vai converter, seguro, no “Xénese” da Biblia histórica mindoniense.

© Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 17 de xaneiro de 2022.