O domingo, 1 de maio, retorna a poesía presencial a Mondoñedo tras a paréntese obrigada pola pandemia da covid-19.
Mondoñedo é poesía comezou a súa aventura o 1 de maio de 2014 nas rúas e prazas, lecturas poéticas previas ao gran recital no auditorio municipal. Desde entón celebráronse seis edicións en formato presencial e unha telemática en 2020. O 2021 non se celebrou.
Polas distintas edicións pasaron máis dun cento de poetas —lembramos especialmente aos desaparecidos Isidro Novo, Luz Pozo e Darío X. Cabana—, amais de músicos e artistas de primeiro nivel. Editouse un libro recompilatorio das cinco primeiras edicións en 2018, publicáronse folletos e carteis e as follas soltas “papel de color”. Fixéronse varias homenaxes —Imp. Mancebo, Escola Poética do Seminario, ao Pallarego, Noriega Varela e ao bispo-poeta M. Fernández Castro, entre outras—. Tamén se organizou unha cita sketchcrawl en 2015 e unha expo-libro en 2016. Todo isto no marco das tradicionais Quendas, feiras e festas de primavera que contan xa 841 anos de historia.
Para esta edición 2022 contamos con novidades importantes. Na rúa, na sección Nova Poesía, participarán os gañadores do Premio Díaz Jácome 2021, Adrián Vázquez, Adrián Maceda e Branca Trigo. Tamén na rúa desenvolverase por primeira vez un recital de Poesía Infantil no que serán protagonistas nenos e nenas do CEIP Álvaro Cunqueiro, coordinados pola Asociación Tanque de Zinc.
No Auditorio Municipal Pascual Veiga recitarán os seus versos nomes consagrados na creación poética con longa e recoñecida traxectoria cos máis altos premios. Miguel Anxo Fernán Vello, natural de Cospeito, poeta, dramaturgo e editor, Premio Nacional da Crítica Española 1985 e 2005, Olga Novo, da Pobra de Brollón, poeta, ensaísta e profesora, Premio Nacional de Poesía 2020, e o asturiano, Xuan Bello, poeta, narrador, tradutor e ensaísta, Premio Nacional de Literatura Asturiana 2017.
A poesía musicada corre a cargo do grupo galego-catalán Gelria quen, ademais de participar no recital, ofrecerán o concerto “Cantos de poeta” interpretando textos de Rosalía, Curros, Cunqueiro, M. Rivas, Chus Pato e algúns máis.
Serían centos as persoas que habería que nomear por colaboraren desinteresadamente en facer posible, ano tras ano, que Mondoñedo sexa capital galega da poesía cada primeiro de maio. Foron decisivas as colaboracións de profesorado dos centros escolares locais que elaboraron teares poéticos e do alumnado que recitou aquí os seus primeiros versos. Miguel Souto, como presidente da As. As San Lucas, entidade organizadora das Quendas que promove esta cita anual coa colaboración das institucións locais, provinciais e autonómicas. A estes nomes súmanse nesta edición Ton Arenas e Zoila Gulín que poñen en marcha un espazo para a poesía infantil, semente de futuro para Mondoñedo e para a poesía que aínda ha vir. E os imprescindibles, Francisco Piñeiro e Fran Bouso, compañeiros do Colectivo Mondoñedo É… que regalaron traballo, criterio e entusiasmo desde o primeiro día. O 1 de maio a cita é coas Quendas e coa poesía, sempre en Mondoñedo.
©Antonio Reigosa
Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 25 de abril de 2022