Quique Guerra, transgresión e intuición

A asociación Tá en Artes pecha cunha exposición a ben merecida homenaxe —cun extenso calendario de actividades ao longo deste 2022— que lle dedicou ao artista mindoniense Quique Guerra na sétima Semana das Artes Plásticas da Mariña. Unha mostra que reúne unha selección da súa obra pictórica e escultórica apenas coñecida máis alá das fronteiras da comarca mariñá e que se poderá ver na sala de exposicións do Museo Provincial de Lugo ata o vindeiro 29 de xuño.

Enrique Rodríguez, Quique Guerra, naceu na Fonte Vella de Mondoñedo en 1955 e faleceu en San Cibrao, Cervo, o 29 de setembro de 2016. Coñecemos as súas inquedanzas artísticas nos anos finais da década dos 80 do século pasado cando comezou a participar en exposicións colectivas e individuais en distintos lugares da Mariña, amén de recibir algúns premios en certames como o Cidade de Lugo que se convocaba na capital provincial nos primeiros anos da década dos 90.

Descubríasenos así un artista singular, ecléctico e inclasificable que en palabras da súa compañeira, Victoria, sempre “foi un rebelde, fixo o que lle deu a gana”. Mostra desa indocilidade e da súa persoal interpretación da arte poden ser algunhas obras expostas en espazos públicos como o monumento dedicado ao poeta, xornalista e cronista, Xosé Díaz Jácome, no barrio dos Muíños de Mondoñedo ou “Os sete mares”, escultura de pedra e cerámica en coautoría con Chus Lage situada na contorna do peirao de San Cibrao.

Non ousarei eu etiquetar a obra de Quique Guerra en correntes ou estilos. Nin son competente nin creo que se preste a encadramentos definitivos a súa forma de entendela.

Entre os doce cadros e as trece esculturas que se expoñen hai un pouco de todo, tanto temática como estilisticamente. Na escultura predomina o uso de materiais naturais como a madeira e a pedra, na compaña de ferro ou ladrillo. Nunha, “A aperta”, usa, quizais a obra máis coñecida e a máis antiga das expostas, un óso de balea. Nalgúns casos a obra nace do toro ou da raizame queimada dunha árbore da que emerxen figuras mancadas pola dor como é o caso de “O corzo” e “Xogo na árbore”.

Chámame a atención o uso das cores, xeralmente suaves e cálidas, tanto na escultura como na pintura, e a reiteración nos títulos da palabra tótem, quizais como mostra da atávica necesidade de protección que intuía precisamos. Tampouco pode ser accidental, penso eu, o amplo uso que fai dos resortes, talvez na busca dun equilibrio simbólico coa contorna.

Todo isto non son máis que elucubracións de quen se viu gratamente sorprendido pola evolución intelectual e plástica dun traballo artístico que se interrompeu dramaticamente en plena madurez. O meu consello, visiten a exposición e tiren as súas conclusións.

Oxalá todo o meritorio traballo reivindicativo da figura de Quique Guerra por parte de Tá en Artes sexa un punto de partida sen retorno para procurar un espazo permanente para as súas obras. E de paso, incorporar a súa memoria á nómina de ilustres mindonienses e mariñaos que co seu quefacer foron quen de regalarnos imaxinarios nos que sentirnos carne solidaria do mesmo afán.

©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 6 de xuño de 2022