Cando entra o outono no calendario, tras a despedida do San Froilán de Lugo, alborexan no horizonte os días felices das San Lucas, feiras e festas cuxa orixe está nun privilexio que o rei Afonso VII concedeu a Vilamaior —actual Mondoñedo— o 9 de novembro do ano 1156. Vilamaior recibe entón o título de civitas e comeza a celebrar unha feira anual de oito días, en principio no mes de agosto. O traslado das feiras de agosto a outubro non sabemos cando se produciu. Non descartamos a hipótese de que sucedese o 20 de outubro de 1242, coincidindo coa data de consagración da catedral. Da importancia deste asunto, dirimir a data de inicio das San Lucas, derivou algunha polémica, precisamente entre cronistas.
Todo sucedeu en El Progreso. O día 14 de outubro de 1950 publícase unha nota remitida pola comisión organizadora das San Lucas titulada “Hace 725 años que Mondoñedo fue erigida en cabeza de diócesis” na que se fai unha declaración de intencións para, aproveitando a efeméride e a celebración festiva, tentar relanzar os mercados semanais e as feiras mensuais en Mondoñedo.
O 10 de novembro porfía Lence nun artigo “Sobre las ferias y fiestas de San Lucas. Dos errores” e rebate que non só son as máis antigas do Nordeste senón de toda Galicia. Tamén discute os datos sobre cabezas de gando e vendas ofrecidos polo veterinario Ángel García Sanz, pois el, apoiándose na voz autorizada dalgúns tratantes, considera que as cifras foron maiores. Amais, asegura que a orixe da diocese, en principio asentada en San Martiño de Mondoñedo, ten máis longa historia.
Ao número de cabezas de gando que acudiron á feira daquel ano e importe das transaccións responde o veterinario aludido nun artigo publicado o 17 de novembro baixo o título “Ferias de San Lucas. Una aclaración y una confirmación”.
O veterinario reafírmase nos datos que el facilitara fronte aos aportados polos que el chama “magos de la adivinanza”; ou sexa, polos tratantes, aínda que recoñece que houbo tratos clandestinos á marxe dos oficiais para evitar pagar as correspondentes taxas, o que el non comenta pois “hemos consultado a nuestra discreción y nos aconseja el silencio”.
Cunqueiro entra no debate co artigo “Dos o tres errores” publicado o 21 de novembro pois considérase parte da polémica ao recoñecer ser o redactor da nota asinada pola comisión organizadora. Segue considerando que as San Lucas son as feiras máis importantes do Nordeste galego —non do Noroeste, como di que afirma Lence—. Tamén defende o cómputo dos 725 anos, citando fontes documentais para el solventes que ademais coñece o señor Lence pois mesmo lle foron traducidos por el mesmo e polo latinista Francisco Fanego. E aínda cita outras fontes en latín “que no traduzco, visto que el señor Lence no confía en mis latines y hace bien”.
Non só non recoñece os dous erros que lle atribúe Lence senón que o acusa de cometer el tres. Pero vaiamos ao que íamos. Un dos cometidos dos cronistas oficiais é o de louvar as excelencias da terra que os distingue con tal honra, e As San Lucas son, por innumerables motivos de carácter histórico, social, económico e cultural, un dos grandes reclamos de Mondoñedo. Por tanto, é obriga moral dos e das mindonienses en xeral, pero en especial dos seus cronistas, convidar a visitar e gozar da feira e da festa, da cidade e do concello en ocasión tan especial.
Os cronistas oficiais de Mondoñedo —e non só eles— dedicaron abondosos textos, publicados en diferentes medios, a pregoar as excelencias das súas feiras e festas maiores, as máis antigas de Galicia e unha das máis antigas das que se manteñen desde tempos medievais en toda Europa. Non se pretende neste artigo facer un repaso exhaustivo do moito que aportaron os nosos cronistas senón unha breve síntese, resaltando algunhas achegas de entre os textos que produciron os catro cronistas que me precederon: Eduardo Lence Santar e Guitián, Álvaro Cunqueiro Mora, Xosé Díaz Jácome e Francisco Mayán Fernández.
As San Lucas segundo Lence
Eduardo Lence Santar e Guitián (Mondoñedo 1879 – 1960), foi cronista oficial desde o 25 de abril de 1917 ata o seu falecemento o 14 de xaneiro de 1960.
Lence comezou a pregoar as excelencias das San Lucas moito antes do seu nomeamento. Grazas aos textos da súa autoría sabemos que as primeiras novas sobre as San Lucas que aparecen referenciadas nos papeis datan do ano 1536, que o primeiro concurso de gando tivo lugar en 1887 e que as do ano 1895 contaron cunha publicación de seu e que se convocou por primeira vez un concurso literario. Por el tamén sabemos que o programa festivo, así como os concursos musicais, comezaron en 1887, e que os primeiros fogos de artificio, aínda que este dato pode non ser exacto, estouraron nas de 1888.
Por Lence sabemos que en 1759, fuxindo do noutrora habitual mal tempo de outubro, pasáronse as San Lucas ao mes de agosto mais pouco durou o cambio pois en 1763 volvéronas ás datas tradicionais. Tamén nos conta que no século XVIII o feiral estendíase quince días; desde o 18 de outubro ao 1 de novembro.
Polas súas crónicas, publicadas en El Progreso e outros medios, temos datos detallados das cabezas de gando que movía a feira —contadas por milleiros entre poldros bravos, mulas, machos, asnos e eguas maioritariamente— cobizadas polos tratantes procedentes de case toda a Península así como dos produtos que se comerciaban no mercado paralelo. Lenzos e teas variadas, cestos “ de varillas” brancas e de cores, “de bringas” e “de estelizas”, rocas e fusos, pratos, cuncas e culleres de madeira, peneiras, coitelos, fouciños e outras moitas ferramentas fabricadas polos artesáns das comarcas de arredor de Mondoñedo.
Lence quixo dotar as Feiras —como lles chamamos algúns— dunha publicación e os anos 1941, 1942 e 1951 editou un xornal de catro páxinas denominado As San Lucas. Contiña textos propios e dalgúns colaboradores sobre temas históricos, principalmente centrados nas festas, aínda que tamén se trataban outros asuntos. Este xornal tivo continuidade da man doutro cronista en anos posteriores.
Cunqueiro, a poética das San Lucas
Álvaro Cunqueiro Mora (1911-1981) foi cronista de Mondoñedo desde marzo de 1960 a febreiro de 1981. Desde moi novo escribiu case cada outono un ou máis artigos anunciando ao mundo que Mondoñedo, a cidade “deitada no chan como unha muller preñada e silenciosa”, estaba en festas pero só por uns días; o silencio do resto do ano considerábao un privilexio que non se podía desprezar.
Reivindicou a recuperación do Tangueiro, na xusta que medía a valentía e puntería dos sanluqueiros máis valentes loitando contra o estafermo, e discutiu con Lence en mostrador impreso sobre a orixe das San Lucas. El defendía a tese da orixe coincidindo coa dedicación da catedral no outono de 1242.
Describiu numerosas veces a feira e as voces dos feirantes chegados de todas as xeografías da península, louvou as cabalgaduras, fosen asnos, cabalos ou mulas, e os postos de ferreiros, xoieiros, oleiros, cesteiros e tantos outros entre os que andaban os cegos cantores de horripilantes crimes.
Para Cunqueiro, as San Lucas eran a recreación exacta dunha feira medieval que temeu, nalgunha ocasión así o manifestou, ver perecer. Comparou o mercado de herba verde e seca, e o da palla que houbo en tempos na praza da Fonte Vella co de rosas no Farfistán. Para el era unha estampa perfumada digna de ulir e pintar. Trouxo ás San Lucas a monsieur Barbinnais Le Gentil “la más hermosa pantorrilla de Bretaña”, ao gaiteiro e poeta Ramón Anido, a Novo de Parmuide e a outros moitos.
Despois das San Lucas do ano 1959 comentou nun dos seus artigos como na súa casa mindoniense mercaran un gracioso perforador para baleirar patacas. Chamáballe a atención que o artefacto deixase a masa baleirada con figura de gamba —os vendedores denominábana “patatogambas”—, e que o prospecto recomendase o invento para restaurantes, hoteis, casas distinguidas e buques.
En calquera caso, o Cunqueiro cronista e o escritor deixaron para a memoria das San Lucas frases certeiras, algunhas tan afortunadas como esta: “quizás no haya en Europa horas más antiguas que las que se pueden pasar en Mondoñedo” por San Lucas.
Jácome falaba cos cabalos
Xosé Díaz Jácome (Mondoñedo, 1910 – A Coruña, 1998) foi cronista oficial de Mondoñedo desde 1981 ata o seu falecemento en 1998. Como xornalista que era interrogou o cabalo chamado Mazarocas —ou Xesteiro— coa axuda, para traducir os rinchos, do amo, un tal Xan da Perela —ou Pancho das Rodrigas—. Sempre se interesou por atopar cabalos que falasen, por iso dubidaba dos nomes dos cabalos e dos amos.
Recuperou, xunto con Ricardo Pedreira e outros colaboradores, o xornal As San Lucas que creara Lence e ocupouse dos números correspondentes ao 1970, 1982 e 1984. Nos moitos artigos que escribiu sobre as San Lucas, reivindicou a programación de actividades culturais e describiu con detalle o balbordo do ambiente e a moitos feirantes curiosos —prateiros, sacamoas, oleiros, menciñeiros e cegos cantando crimes horrendos— que foron desaparecendo.
De entre os curandeiros fai memoria do Celeirote, un albeite de Fanoi, en Abadín, que poñía consulta na casa dos pais de Panchiño nos Muíños. Atendía persoas e animais, cos que tiña mellor man, tras dun letreiro que dicía: “Pidan a consulta con tempo. Teñen preferencia as persoas. Precios sin competencia”.
Tamén se lembrou do gaiteiro Coruxeiras e da súa gaita de dous foles “un pró aire e outro pró viño”, e dos tratantes espelidos, capaces de vender maulas como auténticos pencos de pura raza.
Segundo X. Armesto Faginas, Jácome defendía con moito criterio un cometido curioso. Ocupábase cada ano de levar a alta e a baixa dos xuramentos dos feirantes. Mágoa que non os deixase escritos e así poderiamos contrastar cos que na actualidade se escoitan. Que os tempos mudan xa se sabe e a capacidade de ofender a quen se ofende é intrínseca ao humano en calquera ocasión.
Como poeta escribiu varios poemas dedicados ás San Lucas, á “tristeza que duerme en la mirada dócil de los caballos”. Mais Jácome, como Cunqueiro, era dos que celebraban o silencio tras os días das San Lucas. Nuns versos de despedida das de 1992 exprésao desta maneira: “Xa pasaron as San Lucas / vamos camiño do inverno / Na cunca verde do val / volve a pousarse o silencio”.
Mayán e As San Lucas
Francisco Mayán Fernández (Cee, 1916 – Lugo, 2010) foi cronista oficial de Mondoñedo entre 2001 e 2010 e coñeceu As San Lucas, segundo el mesmo conta, en 1954 cando chegou a Mondoñedo como profesor do Instituto Laboral. Sorpréndese da enorme cantidade de xente que acode e da intensa actividade comercial que se desenvolve.
Como historiador decántase pola teoría de que As San Lucas, “o feito máis salientable da historia civil mindoniense”, non comezaran a mediados do século XIII e retrotrae a orixe, cremos que con bo criterio, aos tempos de Afonso VII.
Cada vez que escribe sobre o tema recréase nesa imaxe tan repetida de que As San Lucas conectan o presente cun pasado ancorado nos tempos medievais. Describe a alegría dos visitantes e convida a aproveitar a visita para, ademais de feirear, mercar, bailar e divertirse, coñecer o noso legado patrimonial e cultural.
No ano 1964, sendo alcalde do concello o propio Mayán, escribe un artigo en El Progreso titulado “As San Lucas no deben desaparecer”. Detecta cambios nas formas de vida das xentes que, segundo el, ao puxar con forza a mecanización do campo, van facer inútil en pouco tempo a necesidade da tracción animal. Recomenda non quedarse a contemplar os ecos gloriosos dun pasado que xa foi e facer colectivamente algo máis por manter vivas As San Lucas que, segundo asegura, nese ano saíron adiante tras “apremiantes llamamientos”. Recoñece as dificultades organizativas naqueles anos, xeralmente, di, por apatía e falta de colaboración da veciñanza.
Ao ano seguinte e neste mesmo medio aparentaba aínda máis ofuscado. Tras do título “Apuntes a una croniquilla de A. S. C. sobre As San Lucas”, critica severamente ao recoñecible correspondente do xornal que se agacha baixo as siglas por non se molestar en achegarse a Mondoñedo para coñecer de primeira man cales eran as causas do decaemento. Segundo se deduce, a organización tampouco estivera moi espelida.
Mais, afortunadamente, As San Lucas, feiras e festas profanas e populares, superaron eses atrancos. Contan xa cunha longa traxectoria que se mantén vigorosa como nos mellores tempos e por algo será que neste ano 2022 sumaron, cos seus moitos éxitos e algunha que outra frustración, 866 anos de historia.
©Antonio Reigosa
Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 17, 24 e 31 de outubro, 7 e 14 de novembro de 2022