Contrabando de almas

Juan Luis Rodríguez-Vigil Rubio —foi conselleiro de Sanidade e presidente do Principado de Asturias na década dos noventa— nun artigo titulado “Inquisición e Ilustración. Persecución inquisitorial de las más comunes supersticiones en el Noroeste español a lo largo de la segunda mitad del Siglo XVIII”, e publicado no libro Pasión por Asturias: estudios en homenaje a José Luis Pérez de Castro (2013) conta, entre outros casos, o proceso ao que foron sometidos polo tribunal da Inquisición de Valladolid —ao que o bispado de Mondoñedo estaba adscrito— o crego mindoniense Gaspar Lompanela e a súa amante, a feiticeira, María Ana López Labrea.

O negocio consistía en que a tal Ana aseguraba que era capaz de viaxar ao Purgatorio e ao Inferno para sacar ánimas de alí e conducilas ao Ceo, todo previo pago dunhas misas que se encargaba de oficiar don Gaspar nun oratorio que tiña na casa. Tal componenda entre o crego, que confirmaba a veracidade das supostas capacidades da muller para ultrapasar mundos e que gozaba do beneficio de dicir e cobrar máis misas que os demais, provocou a xenreira doutros cregos quen, fronte a unha competencia tan desleal, presentaron denuncia diante o Santo Oficio.

Nas declaracións que fixo a rea, seguramente sometida a algún refinado tormento, confesou que para facer tales viaxes se lle separaba, con moito tremelicar, a alma do corpo. Que estando por alá vía como se derretían as ánimas no Purgatorio, e como brecaban como cabras as que estaban no Inferno. No Ceo vía os anxos, por veces a María Santísima, e ata o asento onde habían sentar ela e o seu socio e confesor cando rematasen a vida terreal.

Unha das testemuñas dixo que cando María Ana se dispuña a aquelas viaxes entraba en transo, posuída, e que a ela se lle comprometera, previa entrega dunha saia nova, unha casaca e uns cartos para misas, a reubicar a ánima dun fillo que estaba padecendo no Purgatorio á tranquilidade do Ceo.

Outras testemuñas dixeron que era rumor moi estendido que o crego e a vidente se entendían carnalmente, e que ela estivera embarazada del e que abortara. Un frade chamado Plácido Román dixo que os vira unha vez dentro da igrexa, despois de confesar e comungar, agachados tras os mantos dunhas andas procesionais, compartindo chopes de augardente que ían libando dunha botella.

O frade reprendeunos por dedicarse a prácticas indecorosas dentro dun recinto sagrado mais eles non só non lle fixeron caso senón que ao día seguinte, segundo lle contou unha freguesa ao frade, María Ana chegara a vomitar o que bebera maila hostia que acababa de comungar. Preguntada polo sucedido, a muller dixo que non fora a bebedeira, que a forzaran a trousar os malvados espíritos que tiña metidos no corpo.

Despois de pasaren polos cárceres secretos da Inquisición, o crego e a súa amante confesaron. Don Gaspar foi condenado a desterro, confiscación de bens e reclusión nun convento. María Ana recibiu douscentos azoutes, o escarmento da vergoña con coroza —pasear polas rúas con carrapucha, mitra ou cucurucho de papel engrudado na cabeza— e desterro.

©Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 21 de novembro de 2022