O Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo acaba de botar a andar Cumieira das Letras, unha revista de periodicidade anual baixo a dirección de Alexandre Rodríguez Guerra e o secretariado de Ana Acuña Trabazo, cuxo primeiro número se dedica monograficamente a Álvaro Cunqueiro.
O contido, interesantísimo de principio a fin, conta coas colaboracións de Xosé Luís Méndez Ferrín, Iago Castro Buerger, Marta Mariño Mexuto, Miguel González Somovilla, Rexina Rodríguez Vega, Armando Requeixo, Xesús González Gómez, César Morán e un moi interesante achega asinada por Xosé-Henrique Costas e Manuel Forcadela sobre a poesía recuperada —a maioría inédita— do escritor mindoniense.
Ferrín reflexiona sobre os múltiples Cunqueiros e a súa relación, ás veces agre e displicente, con varios persoeiros destacados da cultura galega do seu tempo. Iago Castro lévanos pola obra cada vez máis e mellor coñecida do Cunqueiro poeta que se agacha tras unha extensa nómina de pseudónimos, e tamén de alófonos imaxinarios, ata un total de 42 poetas apócrifos dos que Cunqueiro inventou nomes e obra. Marta Mariño analiza a presenza dos mitos clásicos, cultos ou populares na obra de Cunqueiro, un recurso que lle permite interpretar a cotiandade alegoricamente.
Miguel González Somovilla centra o seu artigo na enorme magnitude, tanto en número como en calidade e variedade, da obra xornalística de Cunqueiro. Rexina Vega estuda a evolución e as distintas interpretacións e atribucións que se teñen feito do adxectivo “cunqueiriano” na narrativa galega contemporánea. Armando Requeixo afronta a idea de “viaxe”, física e simbólica, que ao seu entender guía a maioría da produción literaria do noso autor.
Xesús González Gómez dedica o seu artigo a un deses escritores alófonos que Cunqueiro inventa, Fhillips Mac Calvert, e a influencia que puido na invención a poeta norteamericana, esta real, Phyllis McGinley. A colaboración de César Morán recrea a intrahistoria da entrevista que lle fixo en Vigo naqueles días de principios de 1981 que resultaron ser os derradeiros da vida do escritor.
Deixo para o final a mención ao traballo cabeceiro e máis extenso da revista, o artigo “Poesía recuperada de Álvaro Cunqueiro” a cargo de Xosé-Henrique Costas e Manuel Forcadela. Ambos estudosos da obra de Cunqueiro ofrécennos aquí, directamente dos arquivos da Fundación Penzol, 70 poemas en galego —algúns non son máis ca versos soltos, estrofas ou poemas fragmentarios—,manuscritos e mecanoscritos, tirados dun caderno, follas soltas, cartas e escritos varios, datados entre 1928 e 1940.
Velaí unha oportunidade para coñecer o Cunqueiro adolescente, novizo e inexperto poeta que experimenta coas rimas e coas correntes poéticas, que se ispe en moitos destes versos de amores e pensamentos pero que xa nos deixa pegadas que anuncian a quen axiña se ía destapar como un excelso poeta.
A revista Cumieira das Letras é de acceso libre en internet, unha oportunidade para sabermos algo máis de Álvaro Cunqueiro: http://webh03.webs.uvigo.es/ultimo-numero/
©Antonio Reigosa
Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 19 de decembro de 2022