Don Paco e Mondoñedo

A amizade que mantiveron desde os anos mozos Francisco Fernández del Riego e Álvaro Cunqueiro, as relacións epistolares e os múltiples encontros, tivesen lugar en Vilanova, Mondoñedo, Compostela, Vigo ou calquera outro lugar do mundo, xa darían para un extenso ensaio. Hoxe imos quedar só con algúns trazos nos que participou ou letras dedicadas a Mondoñedo por don Paco, que o fixo case sempre con Cunqueiro ao fondo. Como eles, Lourenzá e Mondoñedo, os concellos natalicios de ambos amigos, foron sempre, ademais de lindeiros, xeralmente ben levados.

F. Fernández del Riego e A. Cunqueiro no trasatlántico Monserrat. Viaxe a Bretaña en 1966.

O primeiro evento público no que participou don Paco en Mondoñedo foi no mitin que celebrou o Partido Galeguista coas súas principais figuras no Principal Cinema o 15 de febreiro de 1933. O acto, a favor dun Estatuto para Galicia, contou coa presenza de J. Sánchez Gacio, presidente entón da Deputación de Lugo, e coas intervencións de Castelao, Villar Ponte, Suárez Picallo  e uns aínda novizos no oficio da política, Cunqueiro (21 anos) e del Riego (estreando os 20). Co local e rebentar, Cunqueiro fixo de presentador do acto e del Riego “en párrafos fervorosos” falou da cultura, das nacionalidades e da significación espiritual do noso idioma.

Outra intervención importante de don Paco en Mondoñedo tivo lugar o 21 de abril de 1963 con motivo da recepción de Álvaro Cunqueiro como membro numerario da Real Academia Galega. O acto celebrouse no Seminario Santa Catarina e o xa académico del Riego correspondeulle co discurso de resposta ao recipiendario. Diríase, de non ser o novo académico un tal Cunqueiro e o seu discurso un memorable canto ás imaxinacións sobre tesouros, que o de del Riego non foi de menor ton. Quen o lea gozará ao comprobar que nunhas poucas páxinas foi quen de bosquexarnos un retrato poético, profundo e moi emotivo do amigo, levándonos da man desde as raiceiras vitais onde pacía o enxeño cunqueiriano ata as altas emocións que acadou coa súa obra literaria.

Salvador Lorenzana —ou sexa, don Paco­— levounos unha vez (La Noche, 1 de abril de 1946) ao Mondoñedo dos derradeiros días do bispo Guevara e dixo que debía ser “un remanso de paz para sosiego del cuerpo y curaciones del espíritu”.

Máis alá destas evocacións, participou en varios dos xurados dos certames poéticos que se convocaban polas San Lucas de finais da década dos 60, impartiu varias conferencias, colaborou nalgunhas cabeceiras locais e presidiu o xurado que deliberou sobre o primeiro premio ‘Álvaro Cunqueiro’ de narrativa convocado polos concellos de Vigo e Mondoñedo aló polo 1991.

Ao cumprirse o primeiro cabodano do pasamento de Cunqueiro, interviu na solemne descuberta do famoso epitafio no Cemiterio Vello de Mondoñedo, foi pregoeiro das San Lucas en 1985 e participou activamente nos actos dos Días das Letras Galegas dedicados a Leiras en 1983 e a Cunqueiro en 1991.

Pero, sobre todo —non dá máis de si a medida deste artigo— contribuíu decisivamente na recuperación do escritor Cunqueiro para a literatura en galego a mediados do século XX. Só por isto xa merecería don Paco un lugar de honra en Mondoñedo.

©Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 30 de xaneiro de 2023