Le Gentil de La Barbinais en Mondoñedo

Anda estes días unha casa de poxas pregoando por internet os tres tomos do “Nouveau voyage au tour du Monde”, da autoría do bretón Le Gentil de La Barbinais. Deste libro saíron dúas edicións, unha en París e outra en Amsterdam, ambas en 1728, e agora os tres tomos da de Amsterdan ten fixado como prezo de partida para posibles compradores unha cantidade que supera amplamente os dous mil euros.

Sobre este particular só lles podo anunciar que cando se lles poña o ramo ás San Lucas deste ano 2006, tamén rematará a tirapuxa, concretamente o sábado, 21 de outubro, ás 23:45 horas, e será entón cando poderemos coñecer con exactitude canto se pagou por estes exemplares tan raros de atopar.

Álvaro Cunqueiro en El Progreso, exactamente o do día 20 de outubro do ano 1959, daba a nova da posible estadía en Mondoñedo, nunhas feiras das San Lucas do século XVIII, do autor destes volumes, un aventureiro bretón, o primeiro francés que deu a volta ao mundo desde Francia ata a China, entre 1714 e 1719, e que deixou constancia escrita das súas andaduras. Cunqueiro chegou á conclusión da posible presenza en Mondoñedo de Le Gentil de La Barbinais despois dunha lectura “a tontas y a locas” do libro “La marine française”, tomo II, páxina 108, de Claude Montard. Estas coincidencias, próximos os días nos que as San Lucas volverán a encher de memoria e de olor a grama seca a cidade de Mondoñedo, movéronme a procurar algún dato no que puidera apoiar o mestre a súa imaxinaria visión sobre a visita de Le Gentil de La Barbinais a un Mondoñedo metido en feiras de hai douscentos e pico de anos.

Nas horas mortas eu tamén fun facendo lecturas “a tontas y a locas” e, grazas a eses nobelos que os libros desenguedellan, funlle seguindo os pasos ao bretón. E souben, por exemplo, que foi o noso autor o que primeiro describiu a danza de São Gonçalo do Amarante, en San Salvador de Bahía Todos Os Santos cando asistiu como testemuña a tal representación un día de xaneiro do ano 1718. A festa acontecía na antiga igrexa de São Gonçalo, na presenza do Vice-Rei, Vasco Fernandes Cesar de Menezes, Marqués de Angeja, de cregos, fidalgos, mulleres e escravos que danzaban tan intensamente que “faziam vibrar a nave da igreja”. Aos gritos de “Viva São Gonçalo do Amarante”, o São Gonçalinho, os danzantes colleron a imaxe do santo e “começaram a jogá-la para o alto, de um para o outro …”. Por certo, tamén souben que deste São Gonçalo do Amarante, santo casamenteiro de orixe portuguesa, comen todos os anos os testículos os seus devotos, simbolizados por bolos e pans que fan as súas veces.

Nas ruínas semiabandonadas de Pachacamac, nas costas do Perú, onde chaman a Costa dos Mortos, viu La Barbinais esta visión arrepiante de corpos momificados descubertos polos ventos que bouran alí con sede de pantasmas. Cadáveres resecos, coma de resucitados mirando cara o mar, pertencentes a indíxenas que preferiron inmolarse antes de ser presa viva, segundo unha lenda local, dos españois. Barbinais ao ver aquel espectáculo escribe: “Nunha praza, que me pareceu o lugar máis frecuentado desta cidade, vin moitos corpos aos que a calidade do aire e da terra conservara sen corrupción. Estes cadáveres estaban esparexidos aquí e alá sobre o chan e distinguíanse doadamente os rasgos dos seus rostros…” para dicir máis adiante que “goberna nesas ruínas un silencio que inspira pavor e non se ve nada que non sexa terrible…” Este experimentado viaxeiro é o xentilhome ao que imaxina Álvaro Cunqueiro visitando unhas San Lucas do século XVIII, vestido con tricornio emplumado, colar de perlas, casaca verde esmeralda, lucindo as máis fermosas pantorrillas que no seu tempo houbo na Bretaña. Os fidalgos mindonienses daquel entón mirarían aparvados como tomaba rapé o estranxeiro e responderíanlle con sentidos jesuses cada esbirro.

Eu tamén hei ir este ano á ponte de Viloalle agardar o paso do bretón por se volve facer visita cumprida ás nosas feiras maiores. Se vén, e mo permite, pedireille de favor que se achegue ata cabo da réplica que lle fixo Puchades a Álvaro Cunqueiro para que saúde como corresponde a quen fixo sabedor ao mundo de que Le Gentil de La Barbinais estivera nas San Lucas de Mondoñedo. Logo, se ambos ilustres teñen vagar, pedireille que lle conte polo miúdo as aventuras que deben vir nese libro que anda en poxa en internet. Se non viñese o bretón, aínda que non ando sobrado de rendas, farei o posible por facerme cos tres volumes do “Nouveau voyage au tour du Monde” e despois prestareillos a Cunqueiro para que alivie a folganza das contranoites outonais lendo “a tontas y a locas” as andanzas de quen tivo os mellores papos da perna de Bretaña.

©Antonio Reigosa

Artigo publicado orixinalmente en A Voz do Masma, nº 9, setembro 2006.