Estas historias contoumas Xulio Rodríguez, ‘Xulio do Canelo’, de Pedrido, en Mondoñedo, e a el a súa madriña, Remedios, cando andaba polos dez anos, aló polos mediados do século XX. A madriña, unha muller crédula e crente, contáballe sucedidos de medo, xeralmente protagonizadas por seres do transmundo —trasnos, demos, ánimas…—, que lle aconteceran a xente veciña ou á propia narradora.
Remedios tiña a casa fronte á de E. Lence Santar, dato este que sería irrelevante se non fose que o noso narrador afirma ter chegado a mesturar nalgún soño os personaxes das historias que lle contaba a madriña coa particular figura quixotesca do cronista.
Un trasno —demiño rebuldeiro— visitaba todas as noites a casa familiar e entretíñase facendo funcionar o tear. Como co ruído que facía espertaba os da casa, para escorrentalo acordaron poñerlle unha cunca con auga, de maneira que a cunca entornase cando o tear comezase a se mover. O enredante ao ver a auga derramada desgustábase e choraba, e a xente da casa, amolada, berráballe: Agora, apáñaa! Mais, como é ben sabido, a auga non se pode apañar, así que á segunda ou terceira noite, o trasno desapareceu e non volveu máis por alí.
En Mondoñedo había un crego —un medio crego— que era moi requirido para axudar a ben morrer. Era experto en facer fuxir o Maligno de arredor dos moribundos e así evitar que lles levase a alma para o Inferno.
A contenda entrambos era violenta. Mentres o crego lía nun libro para arredar o Demo, este tiráballe pedras ás mans, ata que lle sangraban, e cando o agonizante expiraba, escoitábase un forte estrondo que viña do lado das cortes. O Demo marchaba co rabo entre as pernas pero facendo mal. Cando os da casa ían ver que pasara atopaban morta a mellor vaca.
Unha vez uns rapaces quixeron facerlle unha burla a este mesmo crego mentres ía prestar outro servizo a un moribundo. Era polo Entroido e metéronlle na cama un moneco de palla. Cando regresou o cura e viu aquelo agreouse tanto que botou unha maldición: Quen me fixo esta burla vai ir comer todos os días ao baño dos cochos!
E un daqueles rapaces, sen que ninguén o obrigase, comezou a acompañar os porcos e compartir con eles o que houbese no comedeiro. Para liberar o mozo daquelas vergoñas houbo que pedirlle ao crego con moita insistencia que lle retirase o castigo.
Unha das presenzas máis temidas pola xente era que o Demo se lles aparecese de noite en figura de burro. Sabían que para librarse del o mellor era levar un cordón do hábito franciscano e tratar de atalo, de maneira que ademais de non facerche mal tamén lle puideses tirar proveito, poñéndoo ao teu servizo como se fose un burro de carne e óso.
Pois ao Patelo, un veciño do barrio de San Lázaro, aparecéuselle pero como ía preparado co cordón recomendado atouno e o Demo quedou en burro manso. O caso é que este home estaba levantando unha casa e fíxolle carrexar toda a pedra necesaria ao Demo transmutado en burro ata que rematou a obra.
Tempo despois, crendo o home que o burro xa perdera as ansias de volver a ser Demo, quitoulle o cordón e nese mesmo instante desapareceu.
©Antonio Reigosa
Serie: “Andel de marabillas”, El Progreso, 20 de marzo de 2023