Agradecemento pola excepcional colaboración cidadá na homenaxe a Cándido Carreiras Domenech, primeiro alcalde de Mondoñedo na II República
Memoria da Mariña xunto coas veciñas e veciños que foron parte da organización da homenaxe a Cándido Carreiras Domenech desexan facer público o seu agradecemento a todas as persoas que fixeron posible o grande éxito deste evento, cuxo desenvolvemento rememoramos.
Desenvolvemento dos actos
Os actos en homenaxe a Cándido Carreiras Domenech, primeiro alcalde de Mondoñedo da II República, tiveron lugar en Mondoñedo o pasado sábado, 15 de abril e desenvolvéronse en dúas partes.
A primeira consistiu nunha sesión divulgativa sobre o tempo histórico e a vida e obra do homenaxeado, parte moderada por Xusto Fernández Haro.
Interviu en primeiro lugar o profesor da USC e historiador, natural de Foz,, Xosé Ramón Veiga Alonso, quen falou dos principais trazos que caracterizaron a sociedade, a economía e a política do tempo da II República
A seguir o cronista oficial de Mondoñedo, Antonio Reigosa, deu a coñecer unha cronobiografía de Cándido Carreiras, deténdose sobre todo nas súas actividades nos eidos político e xornalístico, e nas represalias que tivo que soportar.
Rematou esta parte da homenaxe cun animado coloquio no que participaron varias persoas asistentes e co reparto do xornal monográfico ‘Mondoñedo na Memoria’ dedicado a C. Carreiras.
A continuación procedeuse á inauguración do monumento funerario instalado no Cemiterio Vello, a carón da tumba de Leiras Pulpeiro.
Iniciouse coa interpretación do Himno de Riego, himno oficial da II República e a seguir, con Xosé Luis Fernández Rivera como presentador, tomaron a palabra, Daniel Río ‘Caxigueiro’, autor do monumento, e Xulio Rodríguez, en nome de Memoria da Mariña.
Caxigueiro comentou que a súa obra, unha placa de mármore sobre a que descansa unha póla sen casca de bieiteiro ou sabugueiro en bronce, representa a resistencia —como a dureza deste arbusto— dos loitadores polas liberdades dos pobos. Sobre a campa de mármore pode lerse o epígrafe “Leiras, Leiriñas! Chegou a República”, en memoria do momento en que o 14 de abril de 1931 Carreiras corre levarlle a Leiras á tumba a boa nova.
Xulio Rodríguez leu dous poemas —un de Pearse Hutchinson e outro de Luciano do Monfadal— dedicados a Cándido Carreiras e louvou en sentidas palabras a enorme contribución de Carreiras á recuperación da democracia tras a ditadura de Primo de Rivera.
Tras o acto solemne de descuberta da lápida, cuberta coas bandeiras republicana e galega, e senllas rosas vermellas sobre as tumbas de Leiras e Carreiras, rematouse coa interpretación do Himno Galego.
Asistiron a ambos actos algo máis de 80 persoas que nunha gran parte se sumaron ao xantar de confraternidade que se celebrou a continuación.
Microfinanciamento por subscrición popular
Tal e como se anunciou no seu día, o monumento sufragouse mediante a convocatoria dunha subscrición que tivo unha excelente resposta popular, polo que desde a organización desexamos transmitir por este medio o noso profundo agradecemento ás máis de oitenta persoas —cunha media que supera os 40 euros— que con xenerosidade e altruísmo aportaron máis de 3.000 euros, importe lixeiramente superior ao dos gastos xerados para fabricar e instalar o monumento.
Agradecemento que estendemos ao profesor X. Ramón Veiga, aos artistas Xosé Vizoso e Caxigueiro, ao deseñador Diego Núñez, aos músicos e medios de comunicación, e, en xeral, a todas as persoas que nos acompañaron e fixeron inesquecible esta histórica xornada pola dignificación da memoria de Cándido Carreiras Domenech.
Mondoñedo, a 18 de abril de 2023
Mondoñedo na memoria, n2, monográfico, homenaxe a Cándido Carreiras Domenech