Cándido Carreiras, in memóriam

Este sábado, 15 de abril, homenaxearemos en Mondoñedo ao político represaliado polas ditaduras de Primo de Rivera e Franco, Cándido Carreiras Domenech (1870- 1947). Os actos previstos, organizados polo colectivo Memoria da Mariña e por varios veciños e veciñas de Mondoñedo, comezarán ás doce horas no Pazo Santomé (antigo Centro Comarcal) cunha sesión informativa na que intervirán o profesor da USC e historiador, Xosé Ramón Veiga, quen falará do contexto histórico no que desenvolveu a súa actividade política C. Carreiras. A  seguir, serei eu mesmo quen dea a coñecer a biografía do personaxe, para rematar cun coloquio aberto ao público asistente moderado por Xusto Fernández Haro.

A continuación trasladarémonos ao Cemiterio Vello para proceder á inauguración dun monumento na súa memoria. Situarase a carón da tumba do seu mestre e correlixionario político, o médico e poeta, Manuel Leiras Pulpeiro, e levará por lema a frase que pronunciou Carreiras naquel mesmo lugar tras a proclamación da II República: Leiras, Leiriñas! Xa chegou a República!

O deseño deste monumento funerario, que se sufraga mediante subscrición popular, é da autoría do artista mindoniense, Caxigueiro, e con el preténdese que o nome de Cándido Carreiras como republicano leal e xeneroso non se borre da memoria, como ata agora estivo, e como exemplo de bonhomía e compromiso cos valores democráticos. Tamén se repartirá unha publicación monográfica dedicada á súa figura cunha biografía da autoría de Andrés García Doural.

O pasado outono cumpríronse 75 anos do pasamento de Cándido Carreiras. O seu nome apenas é coñecido entre as e os mindonienses actuais, ata o punto de descoñecerse o sitio exacto onde fora soterrado o corpo dun home que foi, amais de militante republicano toda a vida, concelleiro na década dos vinte e alcalde-presidente da comisión xestora municipal que tomou o relevo tras as eleccións municipais de 1931.

Cándido Carreiras, ademais de dedicar unha boa parte do seu tempo á política municipal, foi xastre, rexentou un bar-libraría e foi correspondente en Mondoñedo de numerosos xornais, especialmente de El Pueblo Gallego. Nos sucesivos artigos que foi publicando neste xornal e noutros durante as décadas dos vinte a trinta do século XX foinos debuxando o Mondoñedo daquelas décadas cos seus problemas e inquedanzas. A guerra de África, as migracións, as preocupacións pola educación e os infinitos conflitos sociais, políticos e relixiosos daquel entón.

Enfrontarse e combater os privilexios dos poderes locais tradicionais tróuxolle severas consecuencias. Detencións e prisión, penurias económicas, agresións físicas e mesmo, sen merecelo en absoluto, pasar á tinta de certos papeis cunha aureola de personaxe de chufa que formou parte, claro está, dunha campaña orquestrada de desprestixio  á que foi sometida a súa figura tras o golpe fascista de 1936.

Esta homenaxe que se lle rende o día 15 de abril debe servir para restituír o seu bo nome como exemplo de coherencia e modelo de home bo e comprometido para as xeracións futuras.

©Antonio Reigosa

Serie: “Andel de marabillas”, El Progreso, 10 de abril de 2023