Andrea López Chao (I)

Andrea López Chao

Andrea López Chao foi unha mestra mindoniense que desenvolveu case durante 50 anos a súa actividade profesional en Cuba. Naceu en Mondoñedo en 1874, formouse como mestra na Escola Normal da Coruña e despois de atender as escolas de Paradavella (A Fonsagrada), Couboeira, Lindín e Viloalle (Mondoñedo), emigrou á Habana onde exerceu como profesora e directora do Plantel Concepción Arenal do Centro Galego desde 1904 ata 1951 e como vicepresidenta ou vogal da xunta directiva da sociedade Hijas de Galicia en varias ocasións. Só visitou a terra natal en 1910 e en 1927 e en ambas ocasións por un breve período de tempo. Faleceu na Habana tal día como hoxe, 19 de xuño, de 1954.

Este ano, ao cumprirse o centenario da súa intervención no I Congreso de Mujeres que tivo lugar na Habana entre o 1 e o 6 de abril de 1923, réndenselle homenaxes en Cuba e en Galicia.

A primeira, organizada pola cátedra de Cultura Galega Xosé Neira Vilas da Universidade da Habana, tivo lugar naquela cidade o pasado 29 de marzo, dentro do I Coloquio “Mulleres galegas en Cuba. Legado e transcendencia. Homenaxe a Andrea López Chao”. Coordinouno a directora da cátedra, Arantxa Fernández Crespo, e as intervencións xiraron arredor dos nomes de varias mulleres galegas que recalaron en Cuba e deixaron pegada en distintas épocas e por moi diferentes motivos.

O tempo dedicado a Andrea López Chao estivo a cargo da profesora Arantxa F. Crespo, a xornalista Violeta Ramos e Patricia Ares Muzio, bisneta da nosa protagonista. Complementouse a xornada coa proxección dun documental sobre a dispar sorte das mulleres galegas en Cuba e cunha exposición cedida polo Consello da Cultura Galega.

A seguinte homenaxe terá lugar en Mondoñedo no marco das XVI Xornadas ‘Abrindo Camiño’ que dedicarán o día 1 de xullo a analizar a obra desta afouta muller. Falarase da súa actividade como mestra e pedagoga, da súa implicación na sociedade Hijas de Galicia —creada para atender as necesidades primarias das mulleres galegas migrantes e liberalas de abusos infames, — e da súa histórica intervención no I Congreso de Mujeres de 1923.

Amais, o concello de Mondoñedo inaugurará unha placa recordatoria na casa natal, rúa Casas Novas, presentarase un avance do documental que se está preparando e publicarase un número especial do xornal monográfico Mondoñedo na Memoria con artigos da autoría de Andrés García Doural, Violeta Ramos, Arantxa F. Crespo, Roxana Rodríguez e unha entrevista coa súa bisneta, Patricia Ares Muzio.

Antía Cal, a pedagoga galega falecida o ano 2022 formouse no plantel que dirixía daquela Andrea López Chao e deixou escrito “O primeiro día de clase, a directora do colexio reuniunos a todos na sala de música e falounos de Concepción Arenal”.

Estas homenaxes deben ser tan só un paso máis que se suma a artigos e outras publicacións para recuperar para o coñecemento xeral o nome dunha muller inxustamente esquecida, cuxo quefacer se inspirou no maxisterio de Concepción Arenal, insigne xurista, escritora e activa precursora dos movementos feministas.

©Antonio Reigosa

Serie: “Andel de marabillas”, El Progreso, 19 de xuño de 2023