O lugar onde un nace é máxico e mesmo se houbese que establecer unha comparación cun espazo ideal diríamos que se parece moito ao Paraíso. Quero contar que nos xuntamos o próximo 2 de setembro arredor dun cento de persoas que nacemos ou temos vencello afectivo con Zoñán, a nosa patria da infancia, o recuncho das lembranzas familiares e o das primeiras amizades, a memoria da primeira escola e a de case todo o que a un primeiro lle teña pasado na vida.
A mediados do século XIX residían en Zoñán 136 veciños, cen anos despois andábamos polos100 e agora tan só sumamos 10 dos que case todos roldan ou superan os 90 anos. Fómonos indo primeiro ás Américas, despois a Europa e ás áreas económicas puxantes da península: Madrid, Cataluña, País Vasco. Agora a cidades e vilas máis próximas, pero seguir, seguímonos indo. As casas vanse baleirando de memoria como de troitas os ríos contaminados, como as leiras de trigo, maíz, nabos ou patacas. En Zoñán como en todas as aldeas deste país case non queda nada agás unha decena de persoas e un reino de ruínas, inzado de silvas, toxos, ortigas e eucaliptos.
E nacín a mediados do século XX e tocoume coñecer de primeira man cambios radicais. Dunha economía de subsistencia labrego-gandeira, a secular tradicional, pasouse ao monocultivo de leite e ao emprego por conta allea que nos deu certa prosperidade. Chegaron as primeiras radios, foise mecanizando o traballo do campo, mercáronse coches, motos, televisores, Habilitáronse traídas de augas ‒sempre a conta dos veciños‒ apareceron os cuartos de baño e algúns puideron estudar algo máis alá da escola primaria.
Toda esa suor e lágrimas derramadas non foron suficientes! Tivemos que seguir marchando e a pesar diso aínda pensamos que o reino da memoria, o Paraíso da infancia, a terra que agora está preñada de ruínas, ortigas, toxos, silvas e eucaliptos aínda podería dar, se as cousas fosen doutra maneira, para que unha parte de nós vivise dignamente onde naceu.
Reunímonos nas datas próximas á da celebración tradicional da veciñanza, a Nosa Señora do Camiño o 8 de setembro. Esta vez non o faremos en cada casa cos respectivos convidados. Farémolo comunalmente grazas á iniciativa dunhas cantas mulleres mozas que queren, que aman o que Zoñán representa para quen somos de alí.
Será momento para facer memoria dos tempos idos, para abrazar a presentes e preguntar polos ausentes, para imaxinar futuros mellores que se han parecer necesariamente aos que temos aínda gardados na recámara da memoria da infancia.
Volveremos a interesarnos polo lugar onde se atopaba a fonte de cristal, polos encantos de Pena Morcán e os da Pena Grande, polas ánimas que paseaban na noite os camiños dos nosos medos, pola pedra que fala e polos mouros que levan os cabalos beber desde a Croa ao Rego de San Cristovo.
Probablemente nos lembremos das oportunidades perdidas como cando un de Rego de Cas cargou un burro co tesouro que tíñamos no castro. Que mágoa que nos roubasen o tesouro! Non sei se hoxe seríamos ricos pero seríamos felices coa ilusión de termos un tesouro de noso no noso particular Paraíso que nós, desculpen a inmodestia, chamamos Zoñán.
©Antonio Reigosa
Serie: “Andel de marabillas”, El Progreso, 28 de agosto de 2023