Unha das preocupacións de Cunqueiro era saber se xa se comería ou non o polbo en Lugo polo tempo dos romanos. El opinaba que non, que era prato da Idade Media, e disto falaba con Fole e con outra xente mentres paseaban a muralla sen decatáranse de que no mosaico de Batitales que se custodia no Museo Provincial, e noutros mosaicos da mesma época de diferentes xeografías, aparece ben campante a figura dun cefalópodo. Por tanto, o romano coñecía o polbo, e, se houbese que apostar, apostaría que tamén o comía, aínda que, gloria que non gozaron, ao non condimentalo con pementón “á feira” non chegaron a saber ben a que sabía. Cunqueiro, por certo, esixía que sempre llo servisen en prato de madeira!
Famosa é a Carta sobre Fernando Esquío publicada neste xornal o 10 de febreiro de 1957 que el como poeta dirixiu a Luis Pimentel e Ricardo Carballo, e ao cronista, Trapero, para que intercedesen diante do concello para que se colocase unha placa lembrando a entrada en Lugo do trobador medieval Fernando Esquío. Quería que se lle rendese homenaxe por aqueles versos de poeta namorado: “Que adubastes, amigo, alá en Lug’ u andastes, ou qual é essa fremosa de que vós vos namorastes? Direi-vo-lo eu, senhora, pois m’ én tan ben preguntastes: o amor que eu levei de Santiago a Lugo, esse me adugu’ e esse me adugo”.
Cunqueiro imaxinou que Esquío entraría na cidade pola Porta Miñá un Domingo das Mozas (cousa improbable, pero non imposible en contextos poéticos, pois nos séculos XIII-XIV aínda non se celebraba o San Froilán). A placa colocouse pero non nos días das festas patronais senón o 16 de abril de 1961, coincidindo cunha grande homenaxe que lle se rendeu ao mindoniense. O texto que se acabou gravando tampouco coincide exactamente co que Cunqueiro propoñía: “Por ista porta entrou, vindo namorado de Santiago a Lugo, o trovador Fernando Esquío polo ano de mil e douscentos e pico de ave”. Tanto ten; desde entón, Esquío saúda Lugo todos os domingos das mozas.
Nas semanas previas ao San Froilán de 1959 moito se debateu, especialmente no seo da comisión de festas, sobre a viabilidade de traer a Lugo ou non a representación do Don Hamlet de Cunqueiro. Xa se estreara na Coruña o 31 de agosto e resultara un grande éxito. Ao fin, a comisión de festas fíxose cargo dos gastos. Da organización encargouse a Asociación da Prensa e o día 11 de outubro, Domingo das Mozas, a compañía de Teatro de Cámara da Asociación Cultural Iberoamericana (A.C.I.), que dirixía Antonio Naveyra, representou en Lugo “O incerto Señor Don Hamlet”. Estaba previsto que se fixese no Pavillón de Feiras, pero, por cuestións climatolóxicas, tivo que facerse nun escenario improvisado, concretamente no Garaxe Imperial situado na rúa San Roque e propiedade dos Jato, –habitualmente almacén de grans e pensos–. Os espectadores que acudiron de toda Galicia ocuparon as 500 cadeiras, o máximo do aforo. A entrada da única función custaba 10 pesetas e a obra estaba autorizada para maiores de 18 anos. Ao final da función, Cunqueiro saudou desde o escenario, xunto a actrices e actores, coas xenuflexións acostumadas, á numerosa concorrencia.
©Antonio Reigosa
Serie: “Andel de marabillas”, El Progreso, 2 de outubro de 2023