Por estas datas do ano 1904, os ferroláns Román Torres e Joaquín Arias de Miranda con cadansúa montura dispuxéronse a facer “Una excursión a Mondoñedo” para visitar as San Lucas. A viaxe de ida durou dous días. Saíron de Ferrol o sábado, 15 de outubro, e despois de pasar por Narahío e As Pontes fixeron noite en Vilalba. Ao día seguinte, domingo, 16 de outubro, con parada en Gontán, chegaron a Mondoñedo contra a noite. O luns, 17 de outubro, véspera do día grande, dedicárono a visitar a catedral, o cárcere, onde lles amosaron a cadea Mariscala, o Santuario dos Remedios, o vello consistorio, o Casino, as dependencias de Alcántara, o Hospital de San Pablo e o Seminario.
Un dos expedicionarios, Joaquín Arias de Miranda, escritor, músico, poeta en galego e castelán, xornalista, “cronista de salóns” de certo éxito, publicou o 4 e 5 de novembro de 1904, baixo o pseudónimo “Jorge Bruhmel”, unha crónica da aventura en El Correo Gallego de Ferrol. O outro cabaleiro era Román Torres Lorca, impresor e rico propietario de quen, como mostra do seu poderío económico, queda en pé en fronte de Ferrol, no lugar da Cabana, A Graña, unha casona con vistas á ría construída por el na segunda metade do século XIX, e que aínda hoxe é coñecida como Casa de Román Torres ou Priorato de Cabana. Califa era o nome do cabalo que montaba Torres e Gallardo o de Miranda.
Amais das recreacións das paisaxes e dalgunhas curiosidades dos lugares polos que foron pasando, interesa maiormente a descrición da paisanaxe que se amoreaba en Mondoñedo en días tan principais. Ao cronista chámalle a atención o xentío que ocupa as rúas e as prazas, a magnitude da feira ‒cabalos, mulas, eguas…‒ do día 18 e a cantidade de toldos, garigolos e postos. Tamén chama a atención sobre a verborrea dos curandeiros que tratan de vender os seus “específicos” milagrosos, os enganos dos trileiros, as xitanas esparexendo boaventuras, un cego cotroso que co seu violín canta “a horrorosísima historia que sucedio en Juatemala”, a muller que canta tangos e xotas e as mozas e mozos bailando muiñeiras ao son da gaita e o tamboril.
Estarrece un parágrafo dedicado a describir a abondosa presencia de discapacitados de todo tipo, enfermos e deformes “como en una pesadilla infernal”. Mentres, a caterva divertíase vendo as carreiras de cabalos no paseo central da Alameda ou asistindo ao teatro preparado pola sociedade Pacheco onde se representaban comedias e se interpretaban músicas. Os días 19 e 20 continuaron as festas con idéntica animación.
O regreso a Ferrol fixérono polo Valadouro e Viveiro, onde asistiron á representación dunha obra de teatro, e despois de pasar unhas horas en Ortigueira chegaron a Ferrol ao anoitecer do domingo, 23 de outubro.
Se cadra, tendo Ferrol e Mondoñedo irmandade consolidada e costume de agasallarse o día grande das San Lucas, sería bo pensar en relembrar aquela excursión e que unha representación das e dos ferroláns de hoxe se apease das súas cabalarías cada 18 de outubro diante da Casa do Concello de Mondoñedo para que os recibise a corporación en pleno coas mellores galas que a cortesía institucional esixe.
©Antonio Reigosa
Serie: “Andel de marabillas”, El Progreso, 16 de outubro de 2023