Fomos a Viana do Castelo! O 10 de novembro asistimos á primeira representación da obra “Manuela Rey is in da house” (Manuela Rey está na casa). O acontecemento tivo lugar na sala principal do fermosísimo Teatro Municipal Sá de Miranda, edificio inaugurado en 1885 que aínda mantén case intacta a construción orixinal, o quinto máis antigo dos activos en Portugal. Inaugurábase con esta representación, coa platea completa, a sétima edición do Festival de Teatro de Viana do Castelo.
“Manuela Rey is in da house” é produto dunha coprodución na que participan Teatro do Noroeste – Centro Dramático de Viana, Teatro Nacional São Joao do Porto, Teatro Nacional Dona Maria II de Lisboa e o Centro Dramático Galego. Na posta en escena participan actores e actrices, galegos e portugueses, que se expresan e ambos idiomas. Dirixe Fran Núñez, director do Centro Dramático Galego, autor do texto e escenógrafo.
O argumento da obra xira arredor da enigmática vida de Manuela Rey, actriz nacida en Mondoñedo en 1842 e falecida, despois de gozar de enorme éxito sendo parte do elenco estable do Teatro Dona María II, en Lisboa en 1866. O misterio que envolve moitas das pasaxes da breve vida de Manuela (faleceu con apenas 23 anos) é o cerne do argumento da obra.
Sobre o escenario pairan, desde o inicio ata a caída do pano, xunto a algunhas certezas, múltiples interrogantes. Como é posible que unha picariña nacida nunha aldea mindoniense, probablemente adoptada por unha compañía de teatro ambulante, rematase sendo figura no mellor teatro lisboeta de mediados do século XIX? Tivo Manuela, como se insinúa nalgunhas publicacións, amores co rei Pedro V, O Esperançado? Onde poderemos atopar os seus textos literarios? Mais o éxito é fuxidío e a memoria de Manuela permaneceu oculta, ignorada, esquecida, máis de século e medio.
Arredor dese fío argumental e das historias persoais dalgúns dos actores e actrices que se entrecruzan xira unha obra que reivindica a memoria dunha muller que, amais de actriz, foi traballadora solidaria e escritora consciente da situación social da muller. Os novos documentos que aparecen e as crónicas que expelen as hemerotecas sobre o seu quefacer, sempre laudatorias, vannos descubrindo, sen desvelalo, o misterio de Manuela.
Unha arqueóloga, investigadora INCIPIT/CSIC, vainos conducindo polos camiños da curiosidade arredor dun personaxe fascinante, mentres o espectáculo, puro teatro no que se van sucedendo cadros fantásticos –os cabalos sanluqueiros irrompen tan soberbios no escenario como nas rúas mindonienses–, cheos de luz, de cantos, danza e música vibrantes, executados maxistralmente, con alta esixencia física, polos actores Xosé Lois Romero (tamén autor da música), Neto Portela e Nuno J. Loureiro, e as actrices, Paula Ballesteros, Mariana Carballal, Rafaela Sá, Raquel Crespo e Teresa Vieira.
Gozamos dun show emotivo e intenso arredor do mito Manuela Rey, muller que xa imaxinamos acomodada entre as glorias teatrais alí representadas no colorido ceo do Teatro Sá de Miranda como estrela rutilante e amada que foi, e con esta obra, por fin, homenaxeada como desde sempre mereceu.
©Antonio Reigosa
Serie: “Andel de marabillas”, El Progreso, 27 de novembro de 2023