Manuela Rey, a actriz galega que marabillou o público do Teatro Nacional Dona María II de Lisboa desde 1857 a 1865, naceu en Mondoñedo, no lugar da Pradela de Trigás, o 1 de outubro de 1842 e faleceu en Lisboa, vítima do tifo, o 26 de febreiro de 1866. A súa carreira como actriz, breve pero intensa e exitosa, converteuna na Lisboa cosmopolita de mediados do século XIX nunha das mulleres sobranceiras do teatro portugués. A pesar dos múltiples artigos escritos, das múltiples informacións que se poden atopar na prensa portuguesa e de publicarse unha biografía , nº 3 da colección Os Contemporaneos, aínda son moitas as incógnitas sobre a súa vida e andanzas, sobre todo do período que vai desde o nacemento ata a súa presentación nun teatro lisboeta en 1856 con apenas 14 anos.
Amais, algunhas informacións aseguran que tamén é autora de textos para teatro e outros apuntamentos literarios que, de atoparanse, a converterían, como coetánea de Rosalía de Castro, nunha das escritoras pioneiras do Rexurdimento galego. E, a pesar do esquecemento do seu nome na historia do teatro galego, nunha das nosas actrices máis destacadas.
Celebramos, especialmente en Mondoñedo, que agora, concretamente os próximos 10 e 11 de novembro de 2023, se vaia estrear unha obra de teatro baseada, precisamente, na súa vida e nas moitas interrogantes que aínda a circundan. As representacións terán lugar no magnífico Teatro Municipal Sá de Miranda de Viana do Castelo nas xornadas inaugurais do 7º Festival de Teatro de Viana do Castelo.
A obra leva por título “Manuela Rey is in da house”, dramaturxia e dirección de Fran Núñez, actual director do Centro Dramático Galego, cun elenco produto da colaboración do Teatro do Noroeste, Centro Dramático de Viana, Teatro Nacional São Joao, Teatro Nacional Dona Maria II e Centro Dramático Galego. A estas representacións, en galego e portugués, seguirán outras nas próximas datas tanto en Portugal como en Galicia e nalgunhas cidades españolas.
A sinopse da obra di «Manuela Rey, “a mulher lirio” é mais do que uma linha no livro de sepultamentos do cemitério dos Prazeres, em Lisboa. É um mistério que começa em Mondoñedo, numa casa de aldeia, em 1842, e termina no Teatro Nacional Doña María II, em Lisboa. De Mondoñedo a Lisboa. Da Galiza a Portugal. 23 anos de vida. 23 anos de teatro. Como reconstruir uma vida onde só temos retalhos soltos e contraditórios?
Sabemos que ao fim de seis anos foi entregue a uma companhia teatral itinerante, que percorreu Leão, Palência, Bragança, Valença, Ponte de Lima, Viana do Castelo, Régua, Porto para que o grupo familiar adoptivo chegasse a Lisboa e triunfasse no Teatro Nacional Dona María II e morre como uma estrela aos 23 anos. Manuela Rey é a história esquecida do teatro galego e português. Atriz. Escritora. Neste espetáculo tentamos recuperar o que ficou da sua memória. Porque sem memória não há História».
Havemos de ir a Viana! Agardamos con ansia o día 10 de novembro para ver como revive na escena a inmensa figura –e agardemos que xa nunca máis esquecida– de Manuela Rey.
©Antonio Reigosa
Serie: “Andel de marabillas”, El Progreso, 6 de novembro de 2023