Hai 45 anos dun acontecemento histórico. O día 20 de abril de 1979, M. Alvite, correspondente de La Voz de Galicia, anunciaba ao mundo que se ía celebrar por primeira vez en Galicia, entre o 28 de abril e 1 de maio o I Campionato de España de Voo Libre (Ala Delta).
O monte Padornelo converteuse na estación pioneira de Galicia deste deporte e, ao dicir de moitos dos pilotos participantes, nunha das mellores de Europa. Foron días de entusiasmo, que o cronista lembra con emoción, na vella Vallibria. Mondoñedo rebordou de xente ata o punto de esgotáranse as existencias de pan. Os pilotos despegaban desde o cumio do Padornelo (620 m.) e aterraban, entre os aplausos da numerosa concorrencia, no campo de fútbol Viñas da Veiga.
Ao ano seguinte, 1980, repetiuse a experiencia e entre o 3 e o 10 de agosto volveu celebrarse en Mondoñedo a fase final do II Campionato de España de Voo Libre. Participaron uns 100 homes-paxaro ou “velideltistas”, deles 32 finalistas entre os que estaba a catalá Cecilia Prieto, única muller inscrita. O concello cedeulles aos organizadores, Club Ala Delta de Mondoñedo presidido por Jesús Lombardía, os locais do centro escolar de EXB e a escola do Carme como base de operacións. Ademais do Padornelo, fíxose accesible para usar como pista de lanzamento ‒non sen reticencias da veciñanza de Sasdónigas‒ o curuto da Pena da Roca (758 m.), o que permitía un mellor aproveitamento dos ventos dominantes.
Ao tempo que se desenvolvían as diferentes probas das modalidades en competición, programáronse concertos musicais e exhibicións de voos nocturnos con bengalas (algunha prendeu lume no monte). Convocouse un concurso de fotografías, convidouse a un xantar de confraternidade e fixéronse experimentos con parapentes a motor. O orzamento ascendía a 600.000 pesetas e disque se agardaba a asistencia de 100.000 persoas.
Nos días das probas presentáronse certos contratempos. Un incendio nos montes de Camba obrigou a suspender varias horas o campionato, un “paxaro” que se foi entre o millo, algún que se mancou e outro que se perdeu e foi dar un paseo polas costas do Padornelo; tamén se presentou a néboa e…, en fin, incidencias propias da cambiante climatoloxía.
Antes de rematar o campionato, os organizadores, con Ulises López Sarry do club Papaventos de Lugo como portavoz, anunciaron que probablemente trasladasen a localización do evento a outro lugar pois, sendo idóneo o lugar, dicían que non había interese do empresariado local en colaborar economicamente coa organización do evento.
Nos anos posteriores, esporadicamente, algúns pilotos volveron a Mondoñedo para practicar o voo desde o Padornelo pero non se realizaron en Mondoñedo probas do nivel das de 1979 e 1980.
Ademais das hemerotecas, queda para a memoria un artigo de Cunqueiro que se titulou “Los grandes voladores”. Publicouse no xornal Baleares o día 10 de marzo de 1979, días antes de comezar o I Campionato. Don Álvaro auguráballe un gran futuro a unha hipotética escola de voadores de Mondoñedo, aínda que tamén prognosticaba un considerable aumento dos coxos en Galicia. Quizais conveña concluír con Cunqueiro: Moito se goza soñando que se voa!
© Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo
Publicado en La Voz de Galicia – A Mariña o 28 de abril de 2024