Farmacia Lombardero

Dolores Lombardero Martínez

A coñecida como Farmacia Lombardero ou “de Lavandeira” ocupa o baixo da casa nº 7 da actual rúa Progreso de Mondoñedo, local onde antes estivera a Farmacia Ferreiro. A primeira propietaria foi unha muller singular, María Dolores Lombardero Martínez, quen a rexentou máis de 75 anos, desde 1933 cando, con licencia paterna, por ser menor de idade, mercou a anterior botica a Natalia Castro Fernández, viúva de Manuel Ferreiro Varela, ata o seu pasamento en 2009.

Dolores (Lolita, dona Lola) Lombardero Martínez naceu no Bizarro (Trabada) o 12 de novembro de 1912 e faleceu en Mondoñedo o 30 de maio de 2009. Filla de pais labregos chegou a Mondoñedo cando andaba polos cinco anos para residir na casa dun tío militar chamado Secundino Martínez Lavandeira. Estudou o bacharelato entre Lugo e Santiago, e Farmacia na Universidade de Santiago de Compotela a partir de 1928. Licenciose o 25 de outubro de 1932 sen ter cumpridos aínda os 20 anos. Casou o 12 de setembro de 1946 co médico Jesús Rivas Arias co que tivo seis fillos, catro médicos e dúas farmacéuticas. Formou parte de varias asociacións benéficas locais como Mujeres al servicio de España, Unión Diocesana e Acción Católica, exerceu como inspectora farmacéutica municipal por oposición e como analista da Seguridade Social en Mondoñedo.

A predecesora Farmacia Ferreiro xa existía, segundo El Restaurador Farmacéutico, en 1853. Rexentábaa Tomás Ferreiro, e en 1856 estaba á fronte Juan Ferreiro. Despois fíxose cargo Alejo Ferreiro Soilán e tras a súa morte en 1916, o seu sobriño, Manuel Ferreiro Varela.

Ángel Alejo Ferreiro Soilán foi alcalde de Mondoñedo desde o 16 de setembro de 1914, tras o pasamento de Francisco Díaz Portas, ata o seu, acontecido o 18 de marzo de 1916. Como presidente da comisión creada a tal fin, organizou a soberbia homenaxe e actos en honor a Pascual Veiga cando se soterraron os seus restos en Mondoñedo en setembro de 1912. O sobriño, Manuel Ferreiro Varela, foi concelleiro e subdelegado de Farmacia en Mondoñedo, e protagonizou un suceso curioso. En 1921 denunciou o semanario Don Fino por publicar un soneto que consideraba inxurioso contra a súa persoa, polo que o director do xornal, Ramón Lorenzo González, o Farraco, acabou sendo condenado a 1 ano, 8 meses e 21 días de desterro máis 500 pesetas de multa e pago de costas.

Cambiaron moito, aínda que non no substancial, as funcións das farmacias desde aqueles tempos das medicinas “de morteiro”, elaboradas a man seguindo rigorosas fórmulas maxistrais, ata os tempos actuais nos que os compostos que se expenden chegan directamente desde o laboratorio e a industria ao necesitado. A farmacia coa denominación Lombardero (antes Ferreiro) camiña con paso decidido cara o seu primeiro centenario. Tras o pasamento en 2009 da fundadora, María Dolores Lombardero Martínez, a titularidade pasou á súa filla, Mª Jesús Rivas Lombardero, e desde 2019, ao actual titular, Pablo Taboada Rivas, fillo de Mª Jesús e neto de Dolores. A botica Lombardero, ademais de despacho de farmacia, é tamén unnha especie de museo que atesoura un botame histórico onde tarros, botes, pildoreiros e frascos de notable antigüidade fan memoria deste oficio en tempos idos.

Familia de Dolores Lombardero (Mondoñedo, 8 de marzo de 2024)

Con motivo do Día da Muller, o concello de Mondoñedo rendeulle a Dolores Lombardero Martínez unha merecida homenaxe o pasado 8 de marzo de 2024.

© Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo