O cego de Viloalle

Os mitos relacionados coa cegueira narran casos extraordinarios. A Tiresias, o grego trans, ora home, ora muller, cegouno a deusa Hera e Zeus confortouno coa capacidade de ver o futuro. Santa Lucía, mártir de Siracusa, preferiu automutilarse e arrincar os ollos para enviarllos a un pretendente que devecía por desflorala e agora é padroeira dos invidentes.

Podemos lembrar a Homero que era aedo cego aló polo século VIII a. d. C., e, de paso, a todos aqueles que exerceron o que os italianos chaman ufficio del orbo (oficio do cego), especialmente no relacionado coa música e a poesía. Cegas e cegos dos que en Galicia podemos dar uns cantos nomes que se especializaron como trobeiros populares, ben tocando instrumentos como o violín ou cantando romances e coplas. Moitos deles vendían, ás veces coa exclusiva no negocio, pregos de cordel nos que se adoitaban narrar sucesos truculentos.

Antonio Legide ‘O cego de Viloalle’, canda a súa filla, Sabina.

O cego de Viloalle chamábase Antonio Legide Fernández. Naceu no Millarado, parroquia de Viloalle (Mondoñedo), o 9 de xaneiro de 1895, e faleceu no lugar da Cabana da mesma parroquia mindoniense, o 30 de abril de 1976. Perdeu a vista por mor da varíola cando andaba polos oito anos.

Tras pasar un tempo na escola especial de xordomudos e cegos de Compostela onde aprendeu a tocar o violín, comeza a frecuentar feiras e festas, cantando con voz “tenora y solemne” (Cunqueiro dixit) e vendendo coplas. Ao principio andaba na compaña dos seus irmáns, Ramón e Marcial, despois na da súa muller e máis tarde na da súa filla, Sabina, e mais na dun sobriño chamado Rafael. Tamén foi coñecido como O cego de Lexide e O cego das Mirandas. Os datos biográficos tirámolos de A música en Mondoñedo (2002) de Andrés García Doural e Moncho García González.

Antonio Legide sabía onde pedir letras pois acudía de cando en cando solicitar o auxilio poético de Álvaro Cunqueiro. Encargáballe que lle puxese en coplas sucedidos e crimes que saían nos xornais e que el incluía no repertorio que interpretaba mentres percorría coa súa arte un amplísimo territorio, desde A Mariña de Lugo e Asturias ata as áridas chairas castelás. Resulta especialmente tenra a crónica que Cunqueiro publica en La Noche o 10 de maio de 1960 onde narra un encontro casual entrambos en Vilalba. Cruzáronse alí unha fresca mañá de maio de 1960, mesmo a carón da icónica pravia onde facían parada os coches de liña. Legide comezaba entón a xira de cada temporada, que remataría, como tiña por costume, entre agosto e as San Lucas, mentres que Cunqueiro agardaba polo ómnibus de transbordo para continuar viaxe cara a Mondoñedo.

Foi precisamente polas San Lucas daquel ano cando o cego Legide lle achegou a Cunqueiro un recorte de El Caso (semanario especializado en sucesos publicado entre 1952 e 1997) onde se narraba a triste morte dunha muller palentina chamada Estorgia a quen o xenro tirara do tren a seis quilómetros de Venta de Baños. Cunqueiro fíxolle as coplas e el cantounas con moito recoñecemento.

Miro Casabella, o célebre cantor, neto do andante violinista tamén cego, Cecilio Casabella, homenaxeou a Legide en marzo de 2015. Fíxoo en lugar moi acaído, o mercado de Ferreira do Valadouro que tanto frecuentaba o noso cantor.

9 de xaneiro de 2025

© Antonio Reigosa