Xosé Vizoso, debuxante eterno

         

(Programa en PDF)

O venres, 24 de xaneiro de 2025, con motivo de dedicárselle a Xosé Vizoso (Fillo Predilecto de Mondoñedo) o Día da Ilustración 2025, o Museo Provincial de Lugo organiza unha xornada arredor da polifacética obra deste artista mindoniense  excepcional.

Lugar: Salón de actos da Deputación de Lugo.

Programa

17:00h. Presentación a cargo da deputada de Cultura da Deputación de Lugo, Iria Castro, e da directora do Museo Provincial, Aurelia Balseiro.

17:15h. Proxección da curtametraxe  documental ‘Xosé Vizoso e Sargadelos’, de Aser Álvarez, de Arraianos Produccións. Intervención do director e coloquio posterior.

18:00h. Faladoiro sobre a vida e obra de Xosé Vizoso, moderado por Aurelia Balseiro, no que participan: Xosé Artiaga, (pintor, gravador e artista multimedia), Alberto Guitián (debuxante e ilustrador)  e Antonio Reigosa (Cronista oficial de Mondoñedo).

20:00h. Debate-coloquio e clausura.

Xosé Vizoso: Quizais, un cabalo!

Xosé Vizoso, a pesar de que xa anda dobrando a sétima decena de primaveras, segue sendo un pícaro alegre de espírito e xeneroso de corazón.

Dos anos infantís conserva un eterno sorriso na faciana que disimula discretamente baixo un mostacho prominente; dos anos mozos quédalle o gusto pillabán pola chanza e o bon vivant.

Vizoso naceu cun lapis na man. Case desde o berce sentiu a urxencia de debuxar e desde entón foinos deixando probas dos seus trazos nas paredes, nas lousas, nos papeis ou onde cadrase.

Daquelas inquedanzas innatas foi agromando, tras a aprendizaxe guiada polo maxisterio do profesor Juan Puchades, ou por, entre outros, Isaac Díaz Pardo, o artista que hoxe coñecemos e recoñecemos, mestre sobranceiro da arte deste noso país.

A súa inmensa obra fala por si. Deseñador cerámico que deixou pegada imborrable en Sargadelos, ilustrador de libros de estilo inconfundible, cartelista primoroso, caricaturista insaciable, retratista sobrio, escultor, escenógrafo, muralista, tipografista…

Vizoso, de non ser o que foi, sería cabalo. E seríao xa desde os primeiros riscos bosquexados por aquel cativo bulebule que pasmaba ao paso das greas que cruzaban por diante da casa natal cara as San Lucas. E seríao hoxe pois segue compoñendo cada ano os carteis, habitados en exclusiva por cabalos, da feira grande mindoniense, cabalos que trotaron, trotan e aínda trotarán, como pouco, até os mil outonos de memoria.

O día de hoxe nin o de mañá rematarán, como sucedeu en todos os anos vividos por Vizoso, sen que colla un lapis e lle dea forma e alento a algún ser dese inmenso imaxinario que rebole na súa mente. Quizais, un cabalo!

© Antonio Reigosa

Cronista oficial de Mondoñedo