Coñecen a Xosé Vizoso?

Xosé Vizoso (debuxo de Xosé Cobas)

O 30 de xaneiro, coincidindo coa data de falecemento de Castelao, acaba de conmemorarse o Día da Ilustración que neste ano 2025 honrou ao artista e Fillo predilecto de Mondoñedo, Xosé Vizoso.

A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), que promove esta homenaxe, xunto coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, escolleron por primeira vez para celebrar este día un ilustrador vivo. A estas institucións e entidades sumáronse outros colectivos como as bibliotecas públicas que organizan en diversas cidades galegas innumerables obradoiros e actividades.

Tamén se sumou o Museo Provincial de Lugo que xestiona a vicepresidencia e área de Cultura da Deputación de Lugo, programando a proxección dun documental, ‘Xosé Vizoso e Sargadelos’, de Arraianos Produccións, un faladoiro e unha exposición titulada ‘Universo Vizoso. Unha retrospectiva sobre a obra’, comisariada por Aser Álvarez, que se vai manter aberta ao público na sala de exposicións da Deputación até o 29 de marzo. E na sede central da Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, manterase aberta ás visitas até o 12 de maio outra mostra titulada ‘Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo’, baixo a dirección de Alberto Guitián, Noelia Bascuas e Ángela García.

Aínda que eu sei que en Mondoñedo, onde naceu en 1950, Cervo, onde residiu e traballou ao pé de 40 anos, e en Brión, concello onde vive, tanto Vizoso como a súa obra son bastante ben coñecidos, máis alá deses espazos xeográficos apenas transcende o seu nome. Confiemos en que este Día da Ilustración a el dedicado sirva para que o seu nome e, sobre todo, a súa obra superen e revertan ese descoñecemento.

Xosé Vizoso, desde ben cativo viviu por e para a creación. A vida prestoulle un lapis que o acompaña desde o berce e que paseniño, como a formiga obreira que resulta imprescindible en calquera colmea, o foi convertendo nun proletario practicamente invisible da arte. Se vostedes soubesen, sen sabelo, cantas pezas de Sargadelos deseñadas por el ꟷvaixelas, xogos de café, pezas singulares…ꟷ tiveron entre as súas mans; se vostedes reparasen no nome de quen asina centos, quizais milleiros de carteis de múltiples festas populares que os convidaron a asistir; se vostedes anotasen o nome de quen fixo a cuberta e ilustrou os interiores de ducias e ducias de libros, ou no de quen deseñou logotipos conmemorativos a moreas, retratos e caricaturas, escenografías, tipografías… saberían que teño razón.

Xosé Vizoso ronda xa os 75 anos. Aos poucos, estou ben seguro, irase coñecendo máis e mellor o seu inxente traballo que destaca pola enorme calidade pero, sobre todo, por ser produto dun enorme, inmenso compromiso coa historia e coa cultura decantada por séculos e séculos deste noso país. Vizoso debuxa, esculpe, recrea a alma de Galicia.

Asegúrolles, pásalles a moitas e moitos cando descobren calquera aspecto da súa obra, que nunca máis o esqueceran. O que fai Vizoso é auténtico, flúe natural como unha fervenza a cachón de auga ruxidoira, nobre e sonora como o rinchar dun cabalo nas San Lucas de Mondoñedo.

El Progreso, 4 de febreiro de 2025

© Antonio Reigosa