Volver ao ser, na despedida de Xosé Vizoso

Beatriz e Bea, Daniel e Pepe, sobriñas e sobriños e demais familia, amigas e amigos de Vizoso:

Se mo permitides, este acto, en vez de despedida, debe ser de BENVIDA, mesmo de celebración do retorno de Vizoso ao punto de partida.

Vizoso!

Foi aquí, en Mondoñedo, onde nacestes ti e mailo teus irmáns e irmá, os fillos de Venancio de Zocas e de Josefa de Moleainas, o pai e a nai que baixaron un día desde Zoñán e Cesuras procurando un porvir digno para eles e para vós, os seus fillos.

Aquí foi onde viches a luz do mundo por vez primeira, onde te criaches e medraches, onde fuches á escola de dona Amalia e ao instituto onde J. Puchades descubriu que viñas acompañado dun don moi especial.

Aquí foi onde te decataches de que o mundo o habitan, ademais de homes e mulleres, outros seres, leais, nobres, inquedos e bulebules como fuches ti. Aquí precisamente foi onde os cabalos te descubriron a ti cando non eras máis que un retaco que os andaba debuxando.

Aquí tivo que ser onde decidiches, onde senón!, que querías vivir abrazado a un lapis que resultou máxico, esa ferramenta que nunca te traicionou, que sempre obedeceu a túa vontade e coa que fuches convertendo en imaxes suxestivas e inimitables todo o que soñabas.

E aquí estamos hoxe, tantas e tantos para abrazarte e quererte como só ti podes merecelo. Sempre nos recibiches cun sorriso, coa man disposta para engarzala na nosa e apertala forte para que xa nunca se nos desapegasen.

Así foi como fuches sempre: afectuoso, xeneroso, sincero, alegre, bondadoso, confiado…

Vizoso!

Foi desde aquí de onde partiches camiño doutros mundos: O Castro, Cervo e Sargadelos, Santiago e o IGI, Brión e…, en fin, en todos deixaches memoria incombustible, rastro imborrable, amizades perennes e milleiros de mostras da túa capacidade para conquistar a excelencia en cada intento, en cada alento, en cada proxecto e en cada obra por pequena que fose.

Ninguén poderá dicir nunca que non te entregaches plenamente a todo o que te comprometiches, que defraudaras a quen en ti confiara, pois sempre ofreciches máis do que se che pedía. E sempre, sempre nos regalaches moito máis do que merecíamos.

Fúcheste e agora regresas aquí, ao berce da vida!

Vizoso!

Agora quedas a vivir no Mondoñedo de fóra do tempo, no Mondoñedo eterno, onde os reloxos son utensilios inútiles e estúpidos.

Nós quedamos, momentaneamente. Descúlpanos! E mentres agardamos a hora de te acompañar, lembraremos que estamos e sempre estaremos en débeda contigo.

Nese lugar imaxinario, o Mondoñedo do Alén, encontraraste con moita xente de por aquí, amais de coa túa familia (pai e nai, irmáns…) con outra xente que coñeces e xente que te recoñece e que sabe de ti.

Eles saben que levas o lapis canda ti, e que os vas retratar, é inevitable, que lles vas debuxar os carteis das festas de por alá, que lles vas deseñar a louza que usan nas súas cuchipandas, que lles ilustrarás os libros e construirás as escenografías e as caretas coas que se representa o tempo que non ten principio nin fin.

Aí están os alafareiros que homenaxeaches, os paisanos que coñeciñes na túa nenez como Claudino, Laudrillo e tantos outros e outras.

Será (é xa) como volver a empezar!

Xa me gustaría (algún día vai ser, seguro) escoitar os vosos faladoiros.

Imaxino a Leiras debatendo de política ou relixión con Noriega, a Cunqueiro dicíndolle á rula “pase, miña señora / e é a alma túa a quen despides como un ave”, á actriz Manuela Rey contándoche das noites alegres de Lisboa, a Lence facendo o reconto pormenorizado das mil e unha batallas que tivemos os e as mindonienses, e que case nunca gañamos, e a ti, atento a todo, e a todos e a todas, sen perder detalle das conversas mentres ris e cunha man alisas o mostacho mentres que coa outra lles debuxas a caricatura exacta nunha servilleta de papel.

Vizoso!

Por que non te vexamos nin escoitemos as túas risas de aquí en adiante, nin saibamos que se achegan as San Lucas cando por setembro se publicaban os teus carteis, non te imos esquecer.

Ti fai por alá, goza, que nós por acó temos aínda moito labor que facer.

A túa obra fala moi ben de ti pero non é suficiente. Nós aínda che debemos varias rondas de agradecementos. Aínda nos queda procurar que o que nos deixas en herdanza fale moito máis, moito máis alto e forte de ti! Por ti!

Descansa, amigo, que moito o mereces!

© Antonio Reigosa

Cronista oficial de Mondoñedo


Acto de despedida e repouso das cinsas de X. Vizoso no seu Mondoñedo natal. 

Cemiterio Municipal de Mondoñedo, 15 de febreiro de 2025. 

Neste acto interviron ademais, Chus Amieiro, lendo un poema dedicado a Vizoso, Manuel A. Otero Legide, alcalde de Mondoñedo, e Daniel Vizoso Verge en representación da familia de Xosé Vizoso. A agrupación musical Souto Xímaro de Lourenzá interpretou o Himno do Antigo Reino de Galicia e o Himno Galego.