PACO PIÑEIRO A UN PASO DE SER NOVO FILLO PREDILECTO DE MONDOÑEDO
O Concello de Mondoñedo ven de iniciar o trámite para o nomeamento como Fillo Predilecto de don Francisco Piñeiro González (Paco Piñeiro). No último Pleno Ordinario, celebrado na Casa Consistorial o 31 de xullo de 2025, presentouse unha moción para nomear Fillo Predilecto de Mondoñedo a Francisco Piñeiro González. Obtivo o voto favorable e unánime de toda a corporación. Esta aprobación de todos os grupos que conforman a corporación municipal do Concello de Mondoñedo supón a posta en marcha do expediente que, en breve tempo, derivará no nomeamento deste mindoniense de pro, como Fillo Predilecto (nota oficial ).
FRANCISCO PIÑEIRO GONZÁLEZ
O mestre, dramaturgo (promotor, autor, actor e director) e dinamizador social e cultural, Francisco Piñeiro González naceu no Reguengo (Mondoñedo) o 4 de xullo de 1956.
Estudou bacharelato en Mondoñedo e Maxisterio en Lugo. Como docente comezou a súa andaina en San Cugat del Vallés (Barcelona) pero axiña regresou a Galicia, onde desenvolveu en diferentes centros escolares, sobre todo da Mariña lucense, unha ampla variedade de actividades, amais das estritamente educativas por obriga profesional. Reside en Daián, no concello de Cervo.
Asinou innumerables artigos de contido pedagóxico e literario en múltiples cabeceiras, xornais, revistas especialidades e publicacións variadas. Impartiu conferencias, comisariou exposicións, exerceu de narrador oral e promoveu actos de homenaxe a numerosos persoeiros como Suso Fernández, Manuel Benito Candia, Xosé Vizoso e Enrique Cal Pardo, sempre desde a xenerosidade que lle é inherente, homenaxes que en case todos os casos contaron con publicacións monográficas.
O seu polifacético quefacer, que en moitas ocasións sacou adiante coa indispensable colaboración da súa esposa, Mª Paz Rodríguez Silva, valeulle varios premios e recoñecementos que o converteron nun referente na comarca mariñá.
Como autor, director e actor teatral iniciou as súas experiencias no mundo do teatro no Auditorio de Sargadelos para o que escribiu numerosas pezas tanto infantís como para adultos.
Fundou e dirixiu grupos de teatro amador como O Bordelo (Cervo) (1998), A Adala, Fazouro (1999), Agrupación teatral “Francisco Piñeiro” (2000), o Batán de Cangas (2009), colectivos cos que realizou varios centos de representacións en toda Galicia e parte de Asturias.
Como autor dramático asinou todas as pezas, sempre en galego, representadas polos qrupos actorais que dirixiu, así como as que puxo en escena o grupo Ardora de San Cibrao (Cervo) dirixido por Mª Paz Rodríguez Silva. Destas, merecen especial mención ‘Andar á comenencia’, ‘Na encrucillada’, ‘Cambadelas’, ‘Relax-Total, ‘Trébedes sen lume’, ‘Plática Sisual’, ‘Katharsis’, ‘Anisocoria’, ‘O Mariñán’, ‘R.I.P. Marandaina’, ‘O espello do prestamista’, ‘No San Campio’, ‘Ferro e fariña’, ‘Borrando sombras’, ‘A derradeira batalla do Marqués de Sargadelos’ ou ‘O covid do mariñán’, entre outras moitas que en todo caso gozaron, en todas as representacións, de enorme éxito popular.
Así mesmo, realizou guións para monicreques, teatro de rúa e radiofónico, dramatizou lendas populares como ‘A cova da serpe’ e ‘Catalina de Santiso’, ‘A rebelión irmandiña’ e ‘ ‘O milagre de San Campio’ . Moitas destas obras de inspiración histórico-popular foron representadas con ocasión da correspondente festa homónima.
Xunto co colectivo ‘Mondoñedo é…’ conformado por Miguel Souto, Fran Bouso, Antonio Reigosa e el mesmo, Piñeiro foi decisivo para a posta en marcha do proxecto ‘Mondoñedo é poesía’, desenvolto entre 2014 e 2022, da Feira do Libro celebrada en Mondoñedo en 2016 e dos premios Mondoñedo 10 que se mantiveron entre 2016 e 2019.
Obra publicada (selección)
-‘A derradeira batalla do Marqués de Sargadelos’ (2005).
-‘Historia do teatro afeccionado na Mariña Lucense’ (2012).
-’Lembranzas musicais do Valadouro’ (2013)
-‘O valor do noso’ (2015)
-‘Crónica histórico-literaria da parroquia de Santa María de Cervo’ (2017).
Premios
Entre os numerosos premios cos que foi recoñecido en diferentes modalidades merecen destacarse, os seguintes:
Xornalismo
-Primeiro premio no I Certame de Xornalismo Lorenzo Varela polo artigo “Lorenzo Varela, Quixote con alma galega”.
-Primeiro premio no XXIX Certame Nacional de Xornalismo Belén de Begonte polo artigo “A nosa semente”.
-Primeiro premio no XXX Certame Nacional de Xornalismo Belén de Begonte polo artigo “A luz da igualdade”.
Teatro
-Primeiro premio Laxeteatro por “San Campio”.
-Segundo premio Daniel Cortezón por ‘A derradeira batalla do Marqués de Sargadelos’.
-Terceiro premio Laxeteatro por ‘Cambadelas’.
-Terceiro premio Daniel Cortezón por ‘Katharsis’.
-Cuarto premio Daniel Cortezón por ‘Trébedes sen lume’.
-Premio especial do público e premio ao mellor actor na IV Mostra de teatro de Sada pola obra ‘O Mariñán’.
-Premio ao mellor espectáculo nos IX Domingos a Escena de Caranza (Ferrol) pola obra ‘R.I.P. Marandaina’.
Narrativa
-Primeiro premio no IX Certame Manuel Orestes Rodríguez López por ‘Da auga e da terra de Paradela’.
-Primeiro premio no X Certame Manuel Orestes Rodríguez López por ‘Tempos de morno asubío’.
-Primeiro premio no XV Certame Literario A Pipa de Becerreá por ‘O mudo de Becerreá’.
-Mención especial no II Certame Rosa Reboredo de Cornellá – Barcelona por ‘Cando o mudo falou’.
-Accésit no XI Certame Manuel Orestes Rodríguez López con ‘Os pétalos de Adila’.
-Accésit no XII Certame Manuel Orestes Rodríguez López por ‘Xálima Loio: Deus o vol’.
-Primeiro premio no XV Certame Literario A Pipa pola obra ‘Cando o mudo falou’.
Poesía
-Accésit no VIII Certame Manuel Orestes Rodríguez López polo poema ‘Ai de min, Paradela’.
Outros recoñecementos
Por todo este quefacer e outros, ademais:
-En agosto de 2009 foi nomeado ‘Cabaleiro do Mariscal Pardo de Cela’ pola Asociación Finca Galea.
-En 2017 o concello de Moeche púxolle ao centro cultural da vila o nome de ‘Francisco Piñeiro’.
Pronunciar o nome de Francisco Piñeiro González en Mondoñedo e na Mariña de Lugo é invocar, máis alá de toda a súa inxente obra, a bonhomía e o altruísmo dunha persoa sempre disposta a unha incansable e constante actividade en beneficio da comunidade.
Tras si deixa a imborrable pegada dun excelente pedagogo nas numerosas xeracións de discentes que atendeu e no mundo do teatro amador a do dramaturgo imprescindible para a popularización definitiva do teatro en todo o norte de Galicia e occidente asturiano.
Antonio Reigosa Carreiras
Cronista oficial de Mondoñedo