Antonio Teijeiro Prieto naceu na rúa Padilla (actual Afonso VII) de Mondoñedo o 25 de abril de 1882; o seu pai era o músico, pintor e debuxante, Ramón Teijeiro Martín e a súa nai, Josefa Prieto Alonso. Foi vicepresidente da Juventud Jaimista de Mondoñedo e presidente da Juventud Tradicionalista. Tamén foi administrador do periódico La Voz de Mondoñedo e representante local da compañía de crédito e seguros La Actividad.
De familia de músicos, foi violinista da catedral, integrante do cuarteto de arco La Margarita e do coro Flor de Lis. Fundou en 1916 a sociedade coral Brisas do Masma, todas elas agrupacións mindonienses. Dirixiu na Coruña o orfeón Nova Galicia e foi profesor da Filarmónica Coruñesa.
Como fotógrafo de formación autodidacta (seica tivo a segunda máquina de fotografar que chegou a Mondoñedo), colaborou con numerosas publicacións coas súas fotografías, a maioría con estampas da Coruña, Santiago e, sobre todo, de Mondoñedo, pero tamén de Foz ou Lourenzá. Entre as de Mondoñedo, todas de grande interese histórico, podemos destacar as do chamado “dolmen da Recadieira”, o vello cárcere (edificio derruído en 1965), a librería Lombardía e outros moitos recunchos, prazas e edificios importantes de Mondoñedo, tanto da cidade como dos arredores.
A partir de 1926 colaborou coa revista Céltiga, editada en B. Aires entre 1924 e 1932, tamén publicou fotos en La Voz de Galicia, na revista Vida Gallega, en varios números da revista quincenal ilustrada Galicia, editada en Madrid entre 1906 e 1909 e en La Esfera. É autor dunha interesante colección de postais de Mondoñedo editadas polo Centro de Acción Social Católica a principios do século XX. Fotografías da súa autoría aparecen así mesmo no libro ‘La Coruña y su provincia’ editado en 1926 pola Sociedad de Fomento del Turismo da Coruña.
Polo seu quefacer como fotógrafo recibiu múltiples premios, entre eles os concedidos pola sociedade fotográfica da Coruña en 1921, na exposición nacional organizada pola revista Criterium en Barcelona, no Salón Internacional de Bruxelas, en 1923 e o terceiro premio na Exposición Nacional de Madrid que tivo lugar no Palacio de Hielo entre decembro de 1925 e xaneiro de 1926 pola imaxe ‘Interior de la catedral de Santiago’ (publicada en Céltiga nº 40, xunto cunha breve biografía do autor .
Foi xefe do laboratorio fotográfico da prestixiosa casa Pardo Reguera da Coruña, que era propiedade do pintor e farmacéutico oriúndo de Cervantes (Lugo), Gumersindo Pardo Reguera. En 1926, Antonio Teijeiro anunciábase en La Voz de Galicia cun reclamo que dicía: “Fotografías artísticas: Teijeiro. Laboratorio Pardo Requera. La Coruña”. Segundo as épocas e as publicacións asinou con diversos nomes, entre eles ‘Antonio Teijeiro’, ‘A. Teigeiro’, ‘Foto Antonio Teijeiro’ e ‘A. Teigeiro Prieto’. Tamén foi vicesecretario de la Sociedad Fotográfica de La Coruña, sección que formaba parte da Reunión de Artesanos da Coruña e foi técnico da casa Agfa-Foto que realizaba proxeccións fotográficas na sede da Reunión de Artesanos da Coruña.
© Antonio Reigosa Carreiras
Cronista oficial de Mondoñedo
