O 19 de agosto de 1879 tivo lugar na cidade de Ferrol a inauguración do chamado Dique da Campá do Arsenal, a obra hidráulica máis importante executada en Galicia no século XIX e que foi construído entre 1874 e 1879 pola man de 200 mulleres coñecidas como as “estibadoras”. Con tal motivo, naqueles días de agosto de 1879 desenvolveuse un amplo programa de festexos para celebrar o acontecemento, incluído un certame musical.
Nese certame, que tivo lugar nun teatro-circo construído para a ocasión competiron por esta orde o Orfeón Lucense, dirixido por Xoán Montes, o Orfeón Brigantino e o Orfeón Coruñés ás ordes de Pascual Veiga.
O Orfeón Lucense fundárao Xoán Montes (Lugo, 1840 – 1899 ) ese mesmo ano. É o antecedente histórico dunha agrupación coral co mesmo nome que creou en Lugo José Castiñeira en 1982; orfeón que cambiou de nome en 1887 para pasar a denominarse Orfeón Gallego. O Orfeón Coruñés fundárao Pascual Veiga (Mondoñedo, 1842 – Madrid, 1906) na Coruña en 1878, quen xa fundara e dirixira anteriormente o Orfeón Brigantino. No certame, os tres orfeóns tiveron que interpretar obrigatoriamente ‘a voces solas’ o tema “En el mar” (Letra de Suanzes e música de Francisco Piñeiro).
Tras a concesión dos premios prendeu a mecha da polémica. O primeiro premio, que consistía nun estandarte de veludo branco bordado en seda e ouro, foille concedido polo xurado ao Orfeón Lucense mentres que o Orfeón Coruñés recibiu un accésit e o Orfeón Brigantino unha mención honorífica. Pascual Veiga non cadrou conforme co veredicto e mandou unha carta que se publicou en varios xornais.
Podemos adiantar que, como soe suceder en competicións de alta densidade, xa en maio do ano aquel comezaran a publicarse algúns reparos ás decisións do xurado en xornais coruñeses e ferroláns. Pero non foi ata o 27 de agosto, unha vez pasado o día do concurso, cando Pascual Veiga, director do Orfeón Coruñés, asina en Gaceta de Galicia (nº 185) unha extensa carta-protesta que xa enviara, segundo anuncia, ao Xurado do Certame Musical de Ferrol, ao seu presidente, Francisco Piñeiro, e os individuos, membros do mesmo, Isidoro Blanco e Francisco Oliva.
Resumindo moito o contido, extractamos: “Habiendo hallado el Jurado a los orfeones Lucense y Coruñés á igual altura en la ejecucción del Coro designado se le adjudicaba el premio al primero por haber sostenido mejor el tono”. E pregúntase: ¿es que los señores del Jurado poseen algún mecanismo original por medio del cual los Directores de Orfeones pueden comunicar fluídos misterios que neutralizan toda impresión que sea contraria al sostenimiento del tono?. Califica a decisión de “lamentable extravío”, expón argumentos técnicos que lle fan concluír, segundo o seu parecer, que de ningún modo estiveron á mesma altura ambas interpretacións. E acúsaos de estaren guiados pola “ignorancia más crasa o la mala fe más punible”. Remata dicindo que renuncia ao accésit adxudicado pois “estima mucho más favorable el fallo de la opinión pública, que el de unas personas que han demostrado ante la misma su incompetencia”, aínda que, afirma, non ten intención de molestar aos integrantes do Orfeón Lucense.
O 3 de setembro publícase en El Diario de Lugo unha réplica asinada por J. E. G. (máis adiante corrixiríase para dicir que o asinante era, en realidade, I. E. G.) quen, obviamente, defende a decisión do xurado e acusa ao director do Orfeón Coruñés dun arrebato de orgullo, texto que remata cos versos dunha fábula que di “Y esto sobra. Para hundir sin piedad la mejor obra, es achaque y revés que el arte tiene, que una nota que tan solo, que disuene, descompone el conjunto de tal modo, que ingrato y disonante lo hace todo”.
Segungo El Diario de Lugo, o tal J.E.G. ou I. E. G. “por más que este se manifiesta profano al arte musical, nosotros, que le conocemos, podemos asegurar que no lo es” e, dirixíndose a Veiga, engade “nadie es buen juez en causa propia”.
Aínda durou a disputa varios días máis. Terciaron no asunto varias persoas e o 11 de setembro volve Pascual Veiga publicar outro comunicado en El Diario de Lugo, recreado tamén en El Anunciador e noutros medios como El Comercio Gallego ou El Lérez, no que discrepa radicalmente do “profano” e insiste en que el “confiaba en la justicia del último tribunal de la opinión pública, cuyo fallo efectivamente nos ha sido favorable.”
Veiga, home afervoado e apaixonado, non cedeu das súas posicións nin recoñeceu expresamente en ningún momento os méritos do coro lucense agás, á súa particular maneira, nesta frase: “Tan solo los escasos conocimientos del comunicante pueden conducirlo á fundar, como lo hace, en el mérito del Orfeón Lucense, en haber corregido y aumentado la partitura à su placer, dando lugar esta especial circunstancia á la duda de si el mencionado Orfeón ejecutó el coro del Sr. Piñeiro o el coro del Sr. Montes, porque admitido el estreno de esta disyuntiva, ¿que se podrá juzgar del verdadero autor (lémbrese que se trata de F. Piñeiro, autor da obra e presidente do xurado) que tan poco estimó su propia obra que el conduce hasta el punto de laurear al Orfeón que se la barrena y mistifica por completo?”
Xoán Montes, que saibamos, non intervíu, polo menos publicamente, en ningunha fase desta polémica. Nos meses posteriores aínda coleou nalgúns xornais a remembranza desta exaltada contenda musical.
© Antonio Reigosa
Cronista oficial de Mondoñedo