Imos dar un breve paseo polo ano 1903. Nos apéndices da obra de Eugenio Carré Aldao, La literatura gallega en el siglo XIX (Librería Regional de Carré, A Coruña, 1903) aparecen varios poemas en galego da autoría de catro poetas nacidos ou residentes en Mondoñedo. “Unha violeta” (1899) de Julio Rodríguez Meire, “Un de tantos” (1896) de Antonio Noriega Varela, “Salayos” (1897) de Ramiro Gayoso, e un poema sen título, cuxo primeiro verso di “Tiñan soilo o pobre amparo”, da autoría de Manuel Leiras Pulpeiro.
Julio Rodríguez Meire era natural de Mondoñedo onde nacera en 1876. Faleceu aos 59 anos, o 25 de marzo de 1935, en Foz, e foi soterrado no cemiterio de Mondoñedo. Foi académico correspondente da Real Academia Galega. Exercera como secretario e oficial de xulgado en varias localidades (A Fonsagrada, Viveiro, Mondoñedo, Avilés, Torrelavega…). Publicou numerosas composicións poéticas, algúns epigramas e outros textos, tanto en galego como castelán en cabeceiras como Do Noso Lar (Bos Aires, 1923), Revista gallega, A Terra (órgano de Centro Galego de Córdoba, Arxentina) e El Compostelano.
Ramiro Gayoso, pseudónimo do escritor José López Pardo que tamén aparece citado ás veces como José Ramiro López Gayoso ou Ramiro Gayoso Pardo naceu en Lugo en 1872 e residiu entre os anos finais do século XIX e os primeiros do XX en Mondoñedo onde exercía como oficial de telégrafos. Tamén estivo destinado en Ribadeo e Quiroga, e como administrador interino do mesmo corpo, na Fonsagrada. Ao final da súa vida pasou dous anos ingresado no psiquiátrico de Conxo por algún tipo de doenza mental e faleceu nese hospital en 1904 con 32 anos. Deixou publicadas varias composicións poéticas, cántigas populares, epigramas humorísticos e outros textos, tanto en galego como en castelán, textos que foron publicados en diversos xornais ou revistas literarias como La Chispa, La Idea moderna, El Eco de Santiago, Revista gallega, Vanguardia gallega e La revista moderna. Tamén é autor dun epitafio, publicado en La Chispa (nº 58, Barcelona, 1891), e que di “Aquí yace un estudiante, que olvidado de Minerva, reventó comiendo yerba, en el campo protestante” (sic).
Mais, como xa dera a coñecer José de Cora o 8 de novembro de 2021 en El Progreso, o poema “Salayos” foi motivo de controversia postmorte. En 1930, moitos anos despois do pasamento de Gayoso, publicouse en Las Riberas del Eo unha información atribuída a Juan Latorre procedente do xornal de Viveiro, Heraldo de Vivero, na que se acusa a Ramiro Gayoso e a José López Pardo (que veñen sendo a mesma persoa) de plaxiar letra e música da canción ‘Solayos’ (sic) cuxa primeira estrofa comeza “Branca pombiña”. Segundo esta nota, o verdadeiro autor da parte musical da obra fora Juan Latorre Capón (sobriño do afamado músico Xoán Montes e director do cuarteto ‘Os Montes’, de Viveiro) e da letra un señor apelidado Arias, composición que ambos crearan en Ribadeo en 1897 para un orfeón cando Latorre era director da banda municipal desta localidade.
De Antonio Noriega Varela e Manuel Leiras Pulpeiro non diremos hoxe, por sobradamente coñecida a súa valía polos lectores avisados, máis nada.
© Antonio Reigosa
Cronista oficial de Mondoñedo