En xaneiro de 1926, o poeta e mestre, Antonio Noriega Varela, entón destinado en Trasalba, Amoeiro (Ourense), pasou uns días en Mondoñedo. Tamén viaxou a Foz na compaña da súa filla, Cándida, e ao regreso fixo parada en Lugo antes de voltar a terras ourensás. Con tal motivo, La Provincia, xornal de Lugo, publicou dos poemas da súa autoría.
En abril, tamén en Lugo, recibe unha homenaxe e ofrece un recital poético no salón rexio do Círculo das Artes. A presentación do acto correu a cargo do historiador e escritor Manuel Amor Meilán e un grupo de amigos e autoridades agasallárono cun banquete que tivo lugar na desaparecida casa da Concha, no barrio da Ponte. Nesta ocasión acompañábao a súa filla, Dolores.
En setembro deste mesmo ano 1926, Noriega volve exercer na provincia de Lugo despois de facelo moitos anos, primeiro en Calvos de Randín e despois en Trasalba. Os precedentes daquel afastamento obrigado comezaran en febreiro de 1911 como consecuencia dun expediente con cheiror a vinganza política que o obrigou a abandonar a escola de Fondós en Foz e trasladarse a Calvos de Randín onde pasaría tres anos. En 1913 faise cargo da escola de Trasalba onde permanecerá ata 1926. Nesta longa etapa ourensá estableceu relacións moi proveitosas con intelectuais portugueses, singularmente con Teixeira de Pascoaes, e de amizade co ilustre veciño de Trasalba, Ramón Otero Pedrayo.
En decembro de 1925, a sociedade ‘Mondoñedo y Distritos’ radicada en Bos Aires promovera, xunto con outras institucións e entidades, unha petición dirixida ao presidente do Directorio Español, Primo de Rivera, na que se solicitaba para Noriega un destino “en consonancia con sus cualidades intelectuales”, petición que foi atendida e feita efectiva a principios de setembro de 1926 cando tomou posesión como mestre titular da escola de nenos da Graña de Vilarente, no concello de Abadín.
O 6 de agosto publícanse en La Voz de la Verdad e en La Provincia, ambos xornais de Lugo, dous poemas de Noriega tomados do xornal portugués A Aurora do Lima, e o día 24 de outubro participa no Teatro Villalbés cun recitado dos seus poemas nun acto a beneficio do dramaturgo ferrolán, enfermo e na indixencia, Manuel Sánchez Hermida. Este ano continúa a súa colaboración coa revista Céltiga, publicando poemas de seu en galego e castelán en distintos números (‘A Saudade’, ‘Cousa bonita’, ‘Uno de tantos’…), e tamén envía a esta revista da emigración galega unha selección de poemas dos poetas portugueses João Verde, Anthero de Quental e Gastão Franca Amaral que se publican na sección ‘Letras irmás”. No nº 31 desta revista publícase unha foto da súa filla Carmiña e no nº 33 outra na que se ve ao propio Noriega no local da Reunión de Artesanos da Coruña na compaña de, entre outros, Antón Villar Ponte e Eladio Rodríguez.
Este ano 1926, o Seminario de Estudos Galegos propúxoo para o ingreso na institución como socio correspondente e a Asociación da Prensa de Lugo fíxoo socio de honra. Este ano tan produtivo para Noriega chegou á Graña de Vilarente (Abadín) e comezou a recoller o valioso léxico popular que se había publicar na editorial Nós en 1928 baixo o título Como falan os brañegos.
© Antonio Reigosa
Cronista oficial de Mondoñedo