Quen nace en Zoñán axiña aprende que tivo a fortuna de facelo na cara do sol. As persoas, como os días, amencemos vendo de fronte, na cima do Padornelo, a estrela que nos dá vida. Na atardecida, en cambio, cando o sol se parapeta tras das Fiosas, temos que agardar a noite no avesío. Esta é razón pola que, nos abondosos mananciais, a auga brota morna e confortante nos días máis fríos do inverno, e fría e refrescante nos máis calorosos do verán.
Para o lingüista, E. Bascuas López, Zoñán deriva do antropónimo Atuni, prerromano ou xermánico co significado de pai/nai, que máis adiante evolucionaria a Çonay, segundo se grafía en documentos do convento dos Picos. Nicandro Ares, como antes fixera J. Piel, apunta ao nome gótico ou xermánico, Sunnila, e ao latino, Somnius. Se eu fose poeta quedaría con Sunnila (sol ou soleado) e con Somnius (relacionado co sono e co soñar) para concluír que tras da durmida e dos soños que lle son propios saudamos ao deus sol cada amencer.
Houbo un bispo en Viseu (Portugal) chamado Sunnila aló polo século VI; renegou do arrianismo e pasou ao catolicismo. Na mesma época houbo outro en Mérida chamado Sunna, seguidor de Arrio que non quixo cambiar de fe polo que foi desterrado e morreu de mala maneira.
É sabido que as ánimas, tras desapedirse do corpo, encamíñanse ao Alén, que está ao leste, tras as Fiosas, por Cabana de Vella ou máis aló, onde se cociña o solpor. Camiño que tomaron os mortos que nos precederon tras o aviso da avelaiona polo lado da Rebolada ou do Vedral. Se cadra, a alerta irrevogable chegou vestida de ouveo de can en noite de lúa chea ou como cheiro a cera, unha fantosmía que eu percibín cando morreu a bebé de Lola. A moitos dos e das nacidas en Zoñán colleunos o aviso lonxe da casa. E como ninguén morre de todo mentres alguén o lembra, velaí os nomes que eu recordo.
Da Picheira desapareceron, Xusto do Neno, Amelia, Mauricio e Dora. Dos Pardos a señora Manuela, Andrés e Pilar, Xusta do Rei, Remedios e o fillo, Ramón, J. Antonio e Leonardo de Xóxaras, Arcadio e Mercedes do Roxo
Da Porta de Cao, Filomena, Dionisio e Mari Carmen, Avelino e Asunción, Pepe do Neno e Filomena da Xabiela. Do Camichao, María Juana, Benjamín, Pilar, Victorina e Pepe, da casa do Gaiteiro morreron todos ben lonxe, e algúns dos do Besto, que viviron na mesma casa da que só queda en pé o chan que a sostiña.
Do Rego de Zoñan, José e Rosa, J. Ramón e Leocadia. De Modeiras, Josefa, Germán e Ramona, Encarnación, Manuel, Remedios, Eugenio, Rancho e Consuelo. Da Retravesa, Vicente e Josefa do Carreto, José, Granada e Sofía, Eduardo e Algira.
Do Campo, Xan do Campo, Lola, Oliva, José, de cas Cabanas, Valentina, Eugenio e Benedicta. Tamén se despediron, Patricio, Remedios e Jaime. E na de Ambrosio, Xusto e Antón. Na do Tato en Barosas lembro vivos o vello Tato e a señora Remedios, e os seus fillos, Jorge, Alfredo, Nieves e Jesús; e hai ben pouco tamén se ausentou, prematuramente, Marisa. Na Grota e en Rego de Malle houbo e hai casas arruínadas, sempre baleiras na miña memoria.
Tras deles iremos, agás sopresa pois as augas nosas teñen probados efectos reconstituintes, os que aínda saudamos cada alborexar o primeiro raio de sol.
© Antonio Reigosa
Cronista oficial de Mondoñedo
