Cando unha rúa cambia de nome

En Mondoñedo, por desgracia, non se constrúen novas rúas nin se urbanizan barrios de nova planta cada ano. Como consecuencia, sóbrannos nomes de persoeiros ilustres e fáltannos lugares onde lembralos como merecen. Non queda outra que recolocar os marcos para facer sitio.

Xosé Vizoso naceu o 26 de marzo de 1950 na rúa Pardo de Cela de Mondoñedo e aos dous anos pasou residir co resto da familia á que fora chamada antigamente rúa da Fonte. Ben, daquela xa non se chamaba así, cambiáranlle o nome no século XIX polo de Méndez Núñez que foi como se chamou mentres Vizoso viviu alí.

O tempo, feliz acontecemento que ten o vicio de andar e de mudar canda a xente e as súas circunstancias, volveu ordenar que a antiga rúa da Fonte, despois Méndez Núñez, pasase a chamarse rúa Álvaro Cunqueiro cando Vizoso xa non estaba alí. E celebrámolo. Cunqueiro, santo principal do noso panteón literario, representa un cumio intelectual, un visado polo que o mundo sabe de Mondoñedo grazas a el e á súa obra.

Vizoso criouse nos arredores da Fonte Vella, xogou na rúa Rigueira, que tamén, co tempo, mudou de nome. Deixou de chamarse Rigueira e pasou a denominarse rúa da Fonte no tramo que vai da Fonte Vella ata o Seminario e rúa do bispo Solis desde o Seminario ata a avenida de Bos Aires. Tempo despois, unha corporación municipal, que é quen ten competencia e lexitimidade para facer estas cousas, decidiu suprimir o nome do bispo Solis e púxolle rúa da Fonte a todo o tramo comprendido entre a avenida e a Fonte Vella.

Agora, outra corporación, democrática, plenamente lexitimada para o goberno dos asuntos do concello, decidiu honrar, por unanimidade dos seus membros, co asesoramento dun grupo representativo da sociedade civil, a memoria dun veciño ilustre e acordou substituír o nome de rúa da Fonte polo de rúa Xosé Vizoso. Xa dixemos que os tempos son caprichosos e mudan de parecer atendendo ao presente e pensando, ou así debera ser, no futuro.

Agora, Vizoso (o seu nome, non el fisicamente por desgracia) regresa ás rúas que se chamaron Fonte, Méndez Núñez, Rigueira…e a todas as rúas de Mondoñedo. O seu nome debe volver como xa o fixeron as súas cinsas, por moitos motivos. Porque naceu en Mondoñedo aínda que fose por casualidade, como nos pasa a todos, e, sobre todo, por vontade manifestada en máis dunha ocasión. E porque o necesitamos por ser parte da nosa memoria e por termos a sorte de ser herdeiros colectivos do seu legado espiritual. Que menos que perpetuar o seu nome no noso rueiro canda Guevara, Xulia Pardo Montenegro, Leiras, Noriega, Lence, Pacheco, Veiga, Cunqueiro… e xuntalo con estes e outros nomes que aínda agardan a súa quenda de recoñecemento.

Xosé Vizoso e familia

Creo que ninguén discute os seus merecementos. O seu nome deu lustre ao nome do lugar de nacemento, sempre levou canda si na fronte unha estrela relocente de orgullo mindoniense e no bico unha historia nosa que contar. Pensen nas súas caricaturas e retratos, como o da nai que fixo sendo adolescente. Pensen nas ducias de carteis que nos regalou para as San Lucas, os Remedios, as Carmiñas, Semana Santa, Mondoñedo é poesía, Mondoñedo na memoria, torneos varios… Visiten o Valeco dos Muíños e admiren o cartel conmemorativo do centenario do R. C. Celta.

Iso si. Os cambios sempre provocan molestias. A uns máis que outros, por descontado! Pero cando se trata de cumprir co que é xusto non podemos, por non ter que facer catro xestións, apear a Vizoso nin a ninguén que o mereza da memoria de Mondoñedo! Borramos do rueiro no seu día a Franco e José Antonio, e incorporamos a Marina Mayoral, Andrés Baamonde e Andrea López Chao. E estivo ben feito, moi ben feito! Nestas remudas tamén se causaron molestias pero se non se fixesen estes cambios necesarios, seguiríamos, en certo modo, vivindo nun pasado que non queremos conservar.

O nome dunha rúa é moito máis que un enderezo postal. Quen a nomea convértese nun modelo para as xeracións presentes e futuras. Se Febrero e Pardo de Cela, poño por caso, resisten no rueiro mindoniense será por algo!

A Vizoso, pola súa xenerosidade e por dignificar o nome de Mondoñedo, debémoslle gratitude. Por saír do Mondoñedo máis humilde e acadar o recoñecemento xeral do mundo das artes en Galicia e  un exemplo a imitar, sentimos orgullo. Por sermos veciños e amigos, uns afortunados. El, aló onde estea, sorrirá, e mentres nós baduamos, el pensará: Ringorrango!

Que por aí adiante falen ben del como cando o fan de calquera home ou muller mindoniense, agrádanos, pero o que aínda resulta máis satisfactorio é que o faga a xente da veciñanza, pois xa é ben sabido que custa ser profeta en casa propia.

Na publicación que se editou en 2017 cando o noso concello o nomeou Fillo Predilecto, Xosé Mª Palacios, un seu amigo, xornalista, veciño e transitador das mesmas rúas onde el descubriu o mundo, deixou escrito: “Xosé Vizoso, xa que logo, non só ilustra As San Lucas, senón que é o creador da marca Mondoñedo. Por tanto talento combinado con tanto amor, grazas, grazas, grazas”.

A marca Mondoñedo! Nin máis nin menos! Mellor non se pode dicir!

© Antonio Reigosa

Cronista oficial de Mondoñedo