Cunqueiro en tres folios

Cunqueiro sempre sorprende para ben e a obra que lles recomendamos amplía horizontes e engrandece, se isto for posible, a enorme figura literaria do autor de Mondoñedo.

Na primavera deste extravagante 2020 viu a luz, en primorosa edición ao coidado de Miguel González Somovilla, unha extraordinaria antoloxía de artigos periodísticos da autoría de Álvaro Cunqueiro publicados entre 1930 e 1981. Leva por título Al pasar de los años e forma parte da prestixiosa Biblioteca Castro da Fundación José Antonio de Castro. O título escollido por Somovilla correspóndese co dun artigo publicado en Faro de Vigo o 27 de maio de 1964 no que, como outras veces, Cunqueiro revela algúns segredos.

O xornalista Miguel González Somovilla, nado en Arriondas (Asturias) exerceu o oficio en numerosos xornais, foi director de Comunicación da RAE e de RTVE, premio Pérez Lugín e apaixonado cunqueirólogo que dedicou moito esforzo a este labor ímprobo de localizar, transcribir e anotar as versións primas destes textos, sometido ademais á sentenza preventiva, cal espada de Damocles, do mestre: «Toda antoloxía é unha aventura».

Superou con nota Somovilla o empeño, e aínda o vestiu cun fermoso e moi ben documentado introito ao que engadiu unha cronoloxía vital, un breve álbum fotográfico e unha bibliografía esencial, imprescindible para coñecer sen desorientarse as moitas edicións e reedicións da obra de Cunqueiro así como a xa extensa nómina de ensaios, teses e estudos que ponderan a súa creación. Amais, como colofón ou sobremesa lectora, ben acaída a un gastrónomo culinario e literario como don Álvaro, regálanos unha guinda con tres textos sobre Cunqueiro, clarividentes e emotivos, cadaquén no seu estilo, da autoría de F. Umbral, F. Carantoña e J. Cueto.

Obra dispersa e diversa, a maioría de difícil acceso, organizada por Somovilla en once capítulos que nos levan polas querenzas temáticas do irrepetible fabulador. A poesía, a xeografía e os mapas, os camiños de peregrinación, os misterios do mar e os das criaturas que o habitan, personaxes amados e curiosos, da arte coquinaria, das maxias, das enfermidades, dos anxos e do transcorrer do tempo. Todos os artigos levan en nota ao pé indicación de procedencia e onde o autor da escolma o considera necesario, notas aclaratorias que moito se agradecen sobre termos escuros ou personaxes citados.

O título deste artigo non se refire, obviamente, á solemne obra de Somovilla que recompila un total de 200 artigos sabiamente seleccionados, procedentes de máis de vinte cabeceiras, 68 inéditos en libro, en arredor de 850 páxinas ao punto para saborear nas sosegadas e eternas horas da estación escura. O título fai referencia á antiga medida habitual dos artigos periodísticos que se consideraba debían ocupar uns tres folios, dos que Cunqueiro, segundo estimación de Somovilla, puido escribir, e incluso superar, os vinte mil.

Esta magnífica antoloxía constitúe un gran paso adiante, imprescindible e necesario para poder seguir avanzando na ardua pero marabillosa aventura de chegar a ler todas as esencias que deitou en letra impresa a erudición e sublime fantasía de don Álvaro Cunqueiro.