Manuel Lourenzo, Cunqueiriano de Honra

Manuel Lourenzo (Santos Díez (Ollo de Vidro-ACAB). Arquivo AELG)

Manuel Lourenzo Pérez (Ferreira do Valadouro, 1943) é, amais de autor de arredor de 300 obras dramáticas, actor, escenógrafo, director, tradutor, colaborador de revistas especializadas e autor ou coautor de libros fundamentais sobre o teatro galego. Tamén dedicou unha parte importante da súa actividade á poesía, á narración, ao ensaio, á investigación e á divulgación histórica, especialmente á do teatro. A Fundación Galicia Cultura vén de publicar a súa obra íntegra en sete tomos.

Estreouse na escena en 1961 representando obras de seu e doutros, e comeza a dirixir en 1965 o Grupo de Teatro Independente O Facho, co que vai representar numerosas obras tanto en escenarios como na radio. En 1967 fundou o Teatro Circo, verdadeiro faro guía pioneiro do Teatro Independente, lidando a peito descuberto contra a censura e a represión nos estertores do franquismo, tratando de contribuír mediante formación, investigación e divulgación á modernización e normalización do noso teatro. Hai que lembrar que Manuel pasou un tempo en 1967—a condena do TOP era de dous anos— nas cadeas franquistas.

En 1978 creouse a Escola Dramática Galega e alí estaba Manuel como secretario que amais coordinou a publicación dos seus cadernos. En 1980 participou na fundación da cooperativa Compañía de Teatro Luís Seoane, en 1990 na do Club Teatral Elsinor —que vive a súa segunda etapa  neste anos—, e o proxecto Casahamlet en 1998.

Como investigador e divulgador é autor de varias obras fundamentais para a historia do teatro galego. Citamos só algunhas, quizais as máis destacadas, sempre en coautoría con F. Pillado. En 1979 publicaron ”O teatro galego”; en 1982 unha “Antoloxía do teatro galego”, e en 1988 o “Dicionario do teatro galego”.

Lourenzo rebateu no seu momento a crítica dun Cunqueiro non teatral e falounos do seu simbolismo, dos personaxes que non hai e da linguaxe provocadora, suxestiva, sensual e imaxinativa da súa obra. E díxonos como estes personaxes son “seres libres, donos do seu discurso, da súa melancolía, tan sensuais e apaixonados no sentir e no contar”. Manuel considera a Cunqueiro o primeiro clásico da nosa escena pois usa o teatro para cuestionar. Recomendo a lectura da “Guía das obras dramáticas de Álvaro Cunqueiro” na colección Manuais Casahamlet que publicou con F. Pillado en 2006.

Manuel Lourenzo, como Cunqueiro, experimentou un teatro que se serviu do mito para explorar a condición humana mediante reescrituras, adaptacións e actualizacións de personaxes shakesperianos ou dos clásicos greco-latinos, poñamos Agamenón ou Prometeo, e Fedra e Hipólito na obra “Romería ás covas do demo”. Indagou e explorou a mestura dos mitos clásicos con elementos próximos culturalmente, fuxindo dos costumismos endémicos do noso teatro.

Este 28 de febreiro recibirá en Mondoñedo a merecida distinción de Cunqueiriano de Honra que lle conceden o Concello de Mondoñedo e a Casa-Museo Álvaro Cunqueiro para honrar a memoria do gran escritor e recoñecer as persoas que, como Manuel Lourenzo, sobresaen pola excelsa difusión da súa obra.

©Antonio Reigosa

Serie: “Andel de marabillas”, El Progreso, 27 de febreiro de 2023