Amigos letraferidos

Como saben, o Día das Letras Galegas deste ano 2023 vai dedicado ao grande animador da cultura galega do século XX, o laurentiniano Francisco Fernández del Riego. Os numerosos actos celebrados por todo o país nestes meses van culminar o próximo día 17 en Vilanova coa grande homenaxe ao que foi amigo de Álvaro Cunqueiro desde os anos infantís e ao seu valedor nos días amargos. Disto, do profundo e permanente afecto entrambos, xa se falou moito, mais, se mo permiten, a min apetéceme lembrárllelo cunhas notas extraídas dalgúns textos de Cunqueiro nos que se evoca Lourenzá e a amizade letraferida —lletraferit— que cultivaron.

“En Lorenzana se celebra el Conde Santo. Allí estrené yo, año de 1925, mis primeros pantalones largos, en el baile de D. Joaquín Lozano, padrino de Joaquín Fernández del Riego, hermano del académico electo, D. Francisco. Se cantaba “Buenos Aires, la reina de plata” y subiendo yo al palco de la orquesta, en las escaleras se besaban dos novios. Fue la primera vez que mis ojos vieron un beso de amor. Debí de enamorame de ella, que era muy hermosa, pues me pesó en la memoria durante muchos, largos años” («Las vagancias de agosto», La Noche, 30 de agosto de 1960).

Tras os anos mozos ambos coincidiron en Compostela e desde entón mantiveron unha relación intensa tanto persoal como en actividades políticas, literarias e culturais. Os sucesos do verán de 1936 apartaríanos por camiños que non volveron confluír ata os anos finais da década dos 40.

Nun artigo publicado por Cunqueiro en El Pueblo Gallego o 19 de marzo de 1936 conta que viaxou a Vilanova de Lourenzá pola mañá dun día ledo e fresco. Admírase da fermosura da terra, do amarelo da flor dos nabos, do fermoso mosteiro, do seu fundador, o Conde Osorio, e da fachada de Casas sen rematar. Tamén se recrea con que lles chamen “os do paxaro” aos de Vilanova e lembra a obriga que había de entregarlle ao abade do mosteiro “unha ave, símbolo de non sei que rendas e trabucos” para dicir que mellor sería que lles chamaran así porque algún paxariño cantase na tumba do Conde Santo.

E a seguir inventa unha historia que ben merecería a pena escoitala enteira se tivésemos vagar. A cousa é que o abade de Meira se encaprichou co paxaro e cambioullo ao de Lourenzá por catro mulas. Os bieitos de Meira tiñan na horta a única cerdeira de por alí, e a cerdeira unha soa cereixa; total que había que vixiar o paxaro para que non papase a cereixa pero o frade que se encargaba da imaxinaria era vello, adormeceu e…

Nun artigo publicado por del Riego con motivo do pasamento de Cunqueiro, escribiu: “Eramos amigos desde nenos, e a nosa amistade non se crebou nunca. El nacera en Mondoñedo e eu en Vilanova de Lourenzá, a pouco máis dunha legua da súa cidade natal”. («Finou o grande amigo», La Voz de Galicia, 1 de marzo de 1981).

Don Paco, sen saber que sería a última, visitara a Cunqueiro uns días antes do seu falecemento. Non puido asistir ao funeral porque estaba en Barcelona pero nos anos seguintes dedicoulle tantos discursos, artigos, conferencias e libros que o converten na principal fonte memorialística do benquerido amigo.

©Antonio Reigosa

Serie: “Andel de marabillas”, El Progreso, 15 de maio de 2023