Memoria dunha escola rural

A escola de Zoñán (Mondoñedo) só estivo activa entre 1925 e 1974. Apenas medio século de vida que, como a de tantas outras, ten o mérito de contribuír a alfabetizar ao cento por cento tres xeracións: bisavós, avós e pais dos zoñanegos actuais.

En novembro de 1924 anunciábase a creación e a inminente apertura de tres escolas no concello de Mondoñedo, as de Estelo, Pedrido e Zoñán. Ata daquela só uns poucos mozos e mozas da miña aldea puideran asistir esporadicamente a clases; á de Alcántara, escola urbana, á de Seivane ou a unha de pouca dura que houbo no lugar de Rego de Cas. Os nacidos en Zoñán a partir de 1910 (estes xa mozotes) ían ser os primeiros que recibían ensinanzas formais preto da casa.

En abril de 1925 a alcaldía de Mondoñedo, ao tempo que anuncia a recepción de “menaje” para a nova escola, asegura que o edificio xa estaba construído pero aínda non adaptado pois en sesión plenaria do 25 de novembro de 1925 disponse a consignación de 400 pesetas para facer obras nunha casa alugada, propiedade da familia Oseira, “Os Gaiteiros”.

Foi neste curso 1925-26 cando se iniciaron as clases na nosa escola aínda que descoñecemos a data exacta. A causa dunha epidemia en maio de 1926 ordénase o cese da primeira mestra interina, unha tal señora Ocampo, orde que quedou sen efecto case de inmediato ao cesar o andazo. En xullo de 1926 nomean outra mestra interina, Concepción López Alonso, aínda que uns días despois xa se nomea con carácter definitivo a María Díaz Corral.

María Díaz Corral, de 1926 e 1930

María Díaz Corral era natural de Saavedra, no concello de Begonte. Cando chegou a Zoñán procedía da escola de Noceda (Cervantes), onde exercía, logo das oposicións correspondentes, desde 1924. Xa tiña unha longa experiencia profesional pois xa estivera, entre outros destinos, en Couboeira (Mondoñedo), Bendollo (Quiroga), Lousada (Samos), Lanzós (Vilalba) e A Penela (Monforte). Daquela acababa de recuperar o seu título administrativo, descoñecemos as causas da perda ou retirada pero é probable que tivese que ver coa presentación dalgún recurso por ser excluída dunhas oposicións para ascenso e mellora salarial.

María Díaz Corral, “joven y culta maestra”, debeu ser unha gran docente. Tomou posesión como titular da escola de Zoñán o 28 de xullo de 1926. En xaneiro de 1927 aparece o seu nome na prensa local citándoa como exemplo a seguir por solicitar da alcaldía de Mondoñedo autorización para dar clase nocturna gratuíta aos mozos do barrio xa que estes, alegaba, por estaren ocupados nas súas faenas non podían asistir á escola nas horas regulamentarias.

En novembro de 1928 foi elixida secretaria da Asociación de Maestros de Mondoñedo. En setembro de 1929 quedou excluída das listas para solicitar traslado por non levar os tres anos regulamentarios na mesma escola e en febreiro de 1930 déuselle orde de cese como mestra de Zoñán por ser excedente. Porén, en febreiro de 1931 anunciase o estudo dun expediente de reingreso e asináselle a escola de Martul, en Outeiro de Rei.

Ao abeiro da Lei de 10 de febreiro de 1939 abríuselle expediente de depuración o que se resolve o 2 de xaneiro de 1941 co arquivo do asunto por parte da Comisión Superior Dictaminadora de Expedientes de Depuración do Ministerio de Educación Nacional que confirman os seus dereitos. Os informes preceptivos obrigatorios asinados polo comandante da garda civil, o alcalde, o párroco de Os Remedios e un pai de familia de Zoñán coinciden en que cumpría profesionalmente, tiña boa actuación social, boa conduta relixiosa e asistía a misa, non actuara en política nin se lle coñecía militancia masónica nin de ningún tipo na época da República; en resume, fora un gran mestra no tempo que estivera en Zoñán.

A Festa da Árbore de 1927

Sendo mestra María Díaz Corral, o domingo, 20 de marzo de 1927 celébrase en Mondoñedo a Festa da Árbore, unha xornada de exaltación que comezou cunha gran procesión na que participaron máis de 1000 escolares e cinco artísticas carrozas. Unha semellaba unha gran zoca, obra da Sociedade de Obreros Católicos, outra representaba un automóbil e fora confeccionada polas mestras do concello; outra máis con figura de casa de aldea era a do gremio de carpinteiros e a de máis pequeno tamaño e que máis chamou a atención, chamada “La Olla”, construírana os nenos e nenas da escola de Zoñán baixo a dirección da mestra. Cerraba a comitiva o carro que transportaba as árbores que se ían plantar, unha representación do concello e a banda municipal. Os actos principais (misa, cantos e plantación de árbores) celebráronse no Campo dos Remedios. Pola tarde houbo moitos discursos, entre eles o que pronunciou a mestra de Zoñán. Rematou a xornada cun novo desfile dos asistentes que percorreron a cidade desde a Alameda ata a Praza da Constitución.

Unha ola castrexa

De “La Olla” di a crónica que sobre unha “vasija moruna iba una hermosa aldeanita”. Na fotografía que ilustra este texto, seguramente da autoría do avogado Ramón Rego González, apréciase a fermosa e engalanada carroza dos nenos e nenas de Zoñán. Arredor dunha ola de barro “de gran valor arqueológico” aparecen xunto á mestra os nenos e nenas vestidos de gala para a ocasión, acompañándose dalgúns instrumentos musicais. Os nomes dos nenos e nenas que aparecen na fotografía son Dionisio e Asunción Oseira, Filomena Basanta, Gerardo Ledo, Ramón e Jose Antonio Rubiños, Manuela Fanego Villalba (de Cesuras) e Xusto Carreiras Ledo, o meu avó materno.

En Zoñán sempre se dixo que esta ola procedía dun achado casual no castro de Zoñán e que despois daquela Festa da Árbore se lle perdeu a pista; parece que pasou a mans dun coleccionista ou anticuario de Mondoñedo.

Unha detallada información desta festa pode lerse no xornal Renovación do 26 de marzo de 1927 e outra de non menor interese deste “acto patriótico y típico” en El Heraldo Gallego do 8 de maio do mesmo ano.

Tras a marcha de María Díaz del Corral, a Sección Administrativa de Primeiro Ensino nomea a Pilar Echarte Fernández, logo a María Rodríguez Quiñoá, e a finais de 1930 a Estrella López García, esta como mestra propietaria que o ano 1936 aínda figura como residente en Zoñán a propósito das doazóns para o avión “Lucus”.

A seguir, a segunda xeración que asistiu á escola a partir da década de 1940 lembra a Oliva García-Estoa Gutiérrez. Poñía clase aos maiores ao mediodía e cando se ausentaba, substituíaa o seu marido, Juan Meilán. Seguíronlle unha tal Gloria, Remedios, Maruja (de Pibardos) e a partir de 1962 e ata 1973 Saturnina María Magdalena Legaspi González; ou sexa, dona Maruja, a miña mestra mentres fun á escola.

Dona Maruja

A pesar de non gozar de boa saúde (morre en 1973) deixou unha pegada imperecedoira na rapazada da miña xeración. Era do barrio de San Lázaro. Unha muller enérxica con gran autoesixencia profesional que ben andando, ben en bicicleta con motor ou despois nun modesto utilitario se achegaba á nosa escola día tras día por aquela ruín estrada de terra e “morrillos”. Do seu maxisterio saímos os primeiros veciños de Zoñán que acudimos a un instituto ou (nun caso) ao Seminario menor de Lourenzá. Tamén, grazas á súa axuda, máis dun adulto foi quen de superar a proba teórica para conseguir o carné de conducir.

 O leite en pó

Dos meus primeiros anos na escola lembro que a media mañá tomabamos un estraño leite artificial, unha mestura de auga quente e pos brancos, agasallo (soubémolo moito despois) do ‘xeneroso’ amigo americano. A nós, que nos erguíamos cada día bebendo directamente da canada leite quente acabado de muxir no teto da vaca, sabíanos amargo!

Cando dona Maruja estaba de baixa por enfermidade ou maternidade (tivo dúas fillas) substituírona varias mestras. A maior parte do tempo tocoulle a Ermitas Barreira Anello, unha muller que tamén deixou grata memoria nos máis novos da miña xeración.

Tras o agravamento da enfermidade e posterior morte de dona Maruja pasaron pola escola de Zoñán varias mestras máis, sempre mulleres, como Maria de Meira e Mari Carmen. En setembro de 1974 clausúrase provisionalmente a escola mixta de Zoñán, o alumnado pasa a ter aulas provisionais na Granxa e na Alcántara pois aínda non se rematara a construción do novo edificio do Colexio Nacional Mixto Comarcal, hoxe CEIP Álvaro Cunqueiro.

No curso1976-77 entra en funcionamento o “Grupo”, o que supón a clausura definitiva das 24 escolas públicas que existiran ata entón no concello de Mondoñedo.

 Algunhas anécdotas

Algúns alumnos da mestra María de Meira, a pesar de estar moi pouco tempo na escola, recórdana pola súa habilidade no manexo dunha regra de madeira coa que zoscaba, preferentemente, por tras das orellas. Unha vez ordenoulles aos alumnos ir buscar area a unha areeira próxima. Cando regresaron mandoulles esparexela polo chan e logo poñerse de xeonllos enriba. Non tardou a vinganza. Un dos prexudicados viu como aganchaba un lagarto por unha das paredes da aula, así que colleu a regra de madeira que usaba a mestra e con ela propulsou o réptil polo aire con tal forza e tan boa puntería que o estampou nunha das meixelas da mestra.

Lembro que con dona Maruja preparábamos un Nacemento polo Nadal. Íamos polos arredores recoller musgo para simular bosques, soutos, prados e area coa que facíamos os camiños. Ela traía as figuras e outros elementos (pontes e casas de cortiza, papel de prata para facer un gran río…) e entre todos compoñíamos o que a nós nos parecía un marabilloso Belén. Cantabamos vilancicos, faciamos algunha representación teatral e un ano sorprendeunos cun tocadiscos (aparello que nunca víramos) no que escoitamos unha e outra vez “El tamborilero” interpretado por un tal Raphael. Era, tiña que ser, o ano 1966 ou 1967. Inesquecible!

Pouco despois, probablemente en 1971 ou 1972, Marisol Bouza, a filla do capataz das obras de ampliación da estrada de Zoñán a Estelo, residente temporal na nosa aldea, recibiu de regalo de Reis un proxector Cinexín. Foi a primeira vez que se viu cine en Zoñán.

 A casa escola

O edificio da casa escola, de propiedade privada como dixemos, tiña baixo e unha planta. Na entrada, ademais dun pequeno recibidor do que partían as escaleiras polas que se accedía á planta alta, había un habitáculo onde estaba a cociña coa súa ‘bilbaína’(onde se quentaba a auga para o leite en po e onde cociñaban as mestras) e un vertedoiro; pouco máis.

A planta alta dividíase en dúas cuartos. O meirande facía de aula única, compartida por grandes e pequenos. Lembro que, ademais dun mapa pendurado da parede, había varios pupitres con tinteiros e unha mesa para a mestra. A carón había un cuarto máis pequeno onde na miña época se gardaban algúns obxectos e libros, poucos, e que debeu ser en tempos pretéritos a alcoba da mestra correspondente.

A escola de Zoñán foi suprimida oficialmente por Orde Ministerial do 6 de outubro de 1976 (BOE do 10 de outubro de 1976), e a rescisión do contrato de aluguer do edificio que facía de escola ten data de 1 de xaneiro de 1977.

O edifico da antiga casa escola foi vendido e revendido ata chegar aos actuais propietarios, que o rehabilitaron e usan como residencia temporal.

Mais, que foi daquel “menaje” co que se dotou en 1925 e que se usou ata 1974! Quédanos, mentres vivamos, a memoria, que non é pouco!

©Antonio Reigosa