Curiosidades das Quendas

O día 1 de maio celebramos as Quendas, feiras e festas mindonienses tamén chamadas San Lucas pequenas ou de primavera. Comezaron en 1541 e suman 483 anos de andadura. O concello dispuxo naquel entón (17 de marzo de 1541) que “en cada año hubiese tres días de feria franca de toda cosa vendida y comprada”, e que “no se pagase alcabala ninguna, en dichos tres días, los cuales fuesen el primer día de Mayo, y luego los otros dos siguientes”.

Segundo o Boletín Oficial da Provincia de Lugo do 20 de maio de 1861, ao alcalde de Vilanova de Lourenzá, don Antonio Boán, extravióuselle “un galgo de edad de dos años” nas Quendas. No anuncio do BOP rogabáselle á persoa que o atopase que o devolvese ou mandase aviso, coa seguranza de que recibiría compensación polos gastos; en caso contrario, o presunto “secuestrador” sería oportunamente denunciado. Por se aínda non aparecese a día de hoxe téñase en conta que o can era “de color pardo atigrado, blanco en toda la parte anterior del pecho, inferior del pecho y el remate de la cola: calzado de las dos manos, teniendo ademas una ligera cicatriz en el espinazo de resultas de una escaldadura”.

Na crónica que publica El Compostelano sobre as Quendas de 1929, infórmase da asistencia de moitos tratantes asturianos, entre eles a “popularísima y simpática Maruja, del Concejo de Tineo”. Paracer ser que Maruja mercou doce cabalos e varias eguas para revender na feira da Ascensión de Oviedo. Imaxino a tal Maruja como unha muller corpulenta, robusta, de faciana colorada, co seu blusón negro, apoiándose nunha vara de abelá e coas tesoiras de marcar dispostas no momento de apertarlle a man a algún besteiro rudo coma o toxo no intre de cerrar un trato.

Tamén se comenta nesa mesma nota que se celebraron os Maios, xa naquela altura en decaemento, coa presenza do Maio e o Rei, personaxes principais da celebración representados por pícaros elegantemente caracterizados que percorreron nunha carroza engalanada diferentes rúas e prazas. Aqueles Maios que despois, en 1935 especialmente, tratarían de revitalizar Cunqueiro, Jácome, o Pallarego e outros, acabarían desaparecendo por moitas décadas das rúas mindonienses.

Como é sabido, a palabra que dá nome a estas feiras e festas, As Quendas, que ben poderían chamarse As Quendas Maias, deriva da latina “calendas”, que é como lle chamaban os romanos aos primeiros días de cada mes e que no uso máis común fai alusión a cando toca a vez, a rolda ou tempo no que corresponde facer algo (moer, regar….) segundo unha repartición acordada previamente.

As Quendas pasaron por momentos críticos ao longo do século XX. Afortunadamente, recuperaron o brío a partir de 1984, vitalidade que aínda conservan corenta anos despois, mérito que corresponde ao falecido Manuel Reduello Suárez “Recetas”, e aos que deron continuidade con moito tino e entusiasmo, quenda a quenda, os comisionistas que mantiveron vivo aquel rexurdir que hoxe tanto celebramos.

O pregoeiro deste 2024, o benquerido Jesús Robles, “Suso da Imprenta”, adobará coas súas emotivas nostalxias –non perdan a ocasión de escoitalo– a memoria das nosas Quendas.

© Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo