Amador V. González, un mindoniense rebelde
Ilustración de Xosé Vizoso para o libro 'Semente galega en América', de X. Neira Vilas.

Ilustración de Xosé Vizoso para o libro ‘Semente galega en América’, de X. Neira Vilas.

Sabemos deste mindoniense por Xosé Neira Vilas[1], e por artigos de Andrés García Doural[2] e, entre outros, de Martín Fernández Vizoso[3]. Tipógrafo, impresor, xornalista, narrador e poeta en galego e castelán, ademais de conferenciante, dramaturgo, actor, director teatral e activista político e cultural, pois promoveu a creación de bibliotecas e obras públicas de todo tipo. Como tantas e tantos, o pai e a nai emigraron a Arxentina nos primeiros anos do s. XX. O pícaro chamábase Amador Víctor González Veiga e nacera en Mondoñedo o 19 de xuño de 1890.

Educouse  no convento de S. Francisco de Bos Aires. Axiña, con 15 anos, comeza a participar nos movementos sociais, no activismo anarquista, socialista e radical e xa impartía conferencias nas prazas de Bos Aires. Aos 17 comeza a colaborar na prensa bonaerense baixo o pseudónimo Alma Viril. Escribiu nas revistas arxentinas Labor, Papel y Tinta, Pampa argentina, Martín pescador... e nos xornais Lucha de clases, Luz y vida, El obrero en madera, La protesta, La vanguardia

En 1909 comeza a traballar como tipógrafo en Río Gallegos, provincia de Santa Cruz, negocio do que acabará sendo propietario. Entre 1911 e 1915 colaborou nas cabeceiras uruguaias Osiris, El Pueblo, El Día... Como consecuencia dalgúns dos seus escritos na prensa bonaerense abrénselle procesos xudiciais, incluso padece cadea, que o animan a marchar á Patagonia en 1915. En Río Gallegos colabora en La Verdad e La Opinión Española, e funda La Gaceta del Sud, exercendo un xornalismo comprometido e radical.

En 1923 trasládase a Chubut onde edita El Satírico e colabora en El Indpendiente. En 1929 regresa a Río Gallegos, onde publica ata 1930 o mensuario Letras Patagónicas. Tamén foi inpector municipal e correspondente de La Nueva Provincia, de Bahía Blanca, e El Diario Español e La Res, de Bos Aires.

Tras o regreso a Río Gallegos, en 1939, compra unha imprenta e encárgase de La Voz del Pueblo, xornal no que colabora a súa esposa percorrendo as rúas para saber das novas que se puidertan producir na veciñanza. Sucedeuno na dirección deste xornal o seu fillo Víctor Roberto González.  Morreu nesta cidade o 9 de abril de 1953 onde unha rúa do Barrio Belgrano leva o seu nome.

Ademais, é autor de textos de moi diversos contidos. Folletos como El día de la raza (1916), La Junta Revolucionaria, La lira rebelde, El espírito obrero de la Patagonia (1921), La Región del Petróleo (1926), Álbum Biográfico Ganadero, La Fronda, La Batalla ou El Barrio. Como prosista publicou Relatos Patagónicos (B. Aires, 1935) e como poeta, Huerto Azul (1940).

Foi testemuña de excepción das folgas, capitaneadas polo ferrolán Antonio Soto, dos peóns rurais e dos obreiros en Río Gallegos e na provincia de Santa Cruz entre 1920 e 1922. A represión brutal por parte do estado (policía, militares e grupos paramilitares), defendendo os intereses económicos duns patróns escravistas (británicos a maioría, alemáns, españois pero ningún arxentino) que deixou para a historia 1.500 mortos; a folga máis longa na historia da Arxentina. En La Patagonia rebelde, película de Hector Olivera de 1974, nárrase este suceso.

Neira Vilas en Sementa galega en América di que cando neno “era un rapaz tímido pero aniñaba nel unha forte enerxía, que convertería en palabras“, retrato que ilustra, coa súa habitual mestría, o mindoniense Xosé Vizoso.

© Antonio Reigosa

[1] Sementa galega en América, Bolanda, 2015.

[2] “Un desconocido cronista” [blogoteca.com]

[3] “Amador González, el cronista mindoniense en la Patagonia”, La Voz de Galicia-A Mariña, 9 de setembro de 2018.