Manuel Vázquez regresa a Mondoñedo

O escritor arxentino Manuel Vázquez (o neto de Lola do Couto) anda estes días por Mondoñedo na compaña da súa esposa. Regresa ao lugar do que tanto e tan ben lles falaba a avoa, e no que xa estivera na compaña dun irmán en 2014.

Tiven a honra de saudalo e de conversar con eles apenas unha hora pero o suficiente para darme conta de que estes arxentinos aman profundamente Mondoñedo. Procuran, no pouco tempo do que dispoñen antes do regreso, a memoria da avoa Dolores Iglesias polos Muíños, polo Couto, nos Samordás …

Manuel Vázquez publicou en 2014 un libro fundamental  (que aquí comento) para a memoria da emigración mindoniense. “Lola, del Coto de Otero”, unha serie de relatos de memorias transmitidas por aquela muller moza que un día de setembro de 1922 desde o Couto mindoniense levou os versos de Rosalía de Castro para os arrabaldes bonaerenses.

Agora trae canda si un novo libro, unha novela titulada “Charca seca” na que recrea o ambiente social no que ten que sobrevivir  unha familia na década 1940-1950 no lugar onde naceu e reside. Pobreza, resignación, miseria, conflito… Lerémola o antes que nos sexa posible.

Celebramos o segundo regreso a Mondoñedo deste arxentino que, se cadra, nos sorprende con outra visita calquera día. Cando nos despedimos era xa noite pecha e fresca.

Desde  detrás dos cristais das ventás do bodegón ‘A Catedral’ Mondoñedo, como soe, transpiraba silencio e paz. Os ingredientes perfectos para durmir e soñar.

© Antonio Reigosa