Lexítimo pan de Mondoñedo

“Desde hoy se expende en la caseta número 29 de la Plaza de Abastos, LEGÍTIMO PAN DE MONDOÑEDO fabricado con harinas de trigo del país y elaborado con el mayor esmero. Precio: 40 céntimos kilo”. Así rezaba un anuncio nos xornais lucenses “La Voz de Verdad” e “El Norte de Galicia”, nos números de ambos editados desde o 23 de xullo ata o 30 de agosto de 1913. Unha campaña que debeu ter unha resposta de éxito na capital da provincia, aínda que os moi puntillosos detectasen que o prezo do quilo de pan nun dos xornais era un pouco máis alto: 50 céntimos.
Quen pare a xantar, merendar ou cear en Mondoñedo sabe ben o ben que sabe alí o pan. Uns din que é cousa das augas, realmente saborosas; outros aseguran que a fariña, outros bótanlle a culpa ao lévedo, ao aire, á humidade… Tamén se comenta que pode ser consecuencia da delicada moedura dos muíños de roulón. Non descarten a mestría dun amasado temperado, case sempre feito por mulleres. Ou a leña para quentar o forno, normalmente toxo vedraño. Fose o que fose, o pan do Mondoñedo xa era daquela, e segue sendo, unha exquisitez con risco de ser profanada por mans imitadoras.
Os que vimos e vivimos o proceso completo da fornada, desde a sementeira ata o cribado da fariña, o roxado e enfornado, só lembramos o resultado. O sabor da bola, sen nada dentro, o da empanada envolta en verzas (torresmos, chourizo, coello, sardiñas, mazás, ou cebola, pementos…), o das pezas grandes de pantrigo, ou de centeo, medradas e douradas, dispostas para matar de vez fames e penas.
Había e hai leis non escritas a ter en conta. Non pasar por debaixo da pa cando se enforna, xa que couta as medras. Controlar a cor da pedra chamada endego para saber se a temperatura é a axeitada no interior do forno e, en consecuencia, regular a calor sobrante ou excedente. Metendo ao doente dentro do forno, sabíanse curar algunhas enfermidades, mais a verdadeira saúde dáa este pan que distrae a fame, o remedio infalible de case todas as doenzas.
Como lle soe suceder aos de certa condición, sempre dá tranquilidade andar a “pan sabido” (ter o alimento asegurado), aínda que “non hai pan sen afán”. O reporteiro de “El Progreso” que asina a crónica da viaxe que fixo o 2 de xullo de 1914 a infanta Isabel de Borbón fixouse ben. Despois da obrigada parada da comitiva en Mondoñedo, a infanta decide non xantar na cidade e seguir camiño. Mais, ao pouco, diante da casa dos camiñeiros do Alto de Arroxo, nos lindes entre os concellos de Mondoñedo e Lourenzá, éntralle a fame.
Naquela humilde morada, na que vivían os peóns Francisco Cazón e José del Valle, dispúxose a mesa, uns bancos, unhas cazolas de barro, unhas copas de cristal e unhas xerras de louza. Mentres, servizo, autoridades e prensa acompañante se acomodan onde poden, alguén ofrece á S.A. unhas libras de pan de Mondoñedo “del típico, del renombrado pan” e a infanta, marabillada co aspecto do manxar, consente en que se poña sobre a mesa. Pan real, dirían nalgures, se contasen cun antecedente tan memorable.
Un detalle secundario. Conta o sempre ben documentado Andrés García Doural que o avogado A. Goás e E. Lence volveron a Arroxo uns días despois e mercaron as cazolas onde pousara o bico a nafra herdeira. Onde andarán?

©Antonio Reigosa
Artigo publicado en El progreso-A Mariña (22.11.2015)